O día en que se coñece que a Atención Primaria galega é a máis saturada do Estado, a TVG apunta ás usuarias

Imaxe de arquivo da sede da CRTVG. (Foto: Nós Diario)

A canle pública recupera na xornada na que o Defensor do Paciente denuncia a situación da AP na Galiza,  unha nova que a prensa publicou a semana pasada sobre as citas ás que non se presentaron os pacientes.

Esta segunda feira o Defensor do Paciente publicou a súa memoria, un documento no que analizaba a situación da sanidade no Estado español e na que se sinalaba a Atención Primaria (AP) da Galiza como “a máis saturada” do Estado español.

Unha posición no ránking que a Galiza comparte con Andalucía, apuntaba o Defensor do Paciente. Por iso, considera necesario aumentar o seu cadro de persoal médico e pediatras en 30% para minguar a presión, co que se podería "atender entre 20 e 25 pacientes ao día [por médico] en lugar de axendas con 50 ou 60".

Non era esta a única crítica que se facía na memoria á sanidade galega. Apuntaba tamén que a Atención Primaria é "a gran debilidade do sistema sanitario" da Galiza; e ifra en 47.046 as galegas e galegos en lista de agarda para operarse, cun período medio de 66 días de espera.

Esa mesma segunda feira no que se facían públicos estes datos, a TVG informaba de que en 2023 foron case 640.000 as citas ás que non se presentaron os pacientes. Esta nova, de feito, fora publicada días antes no Faro de Vigo. En concreto, a sexta feira da pasada semana.

Usuarios e usuarias de redes sociais como X reaccionaron á nova da TVG , incidindo en que a mesma estaba dirixida a “culpar” os pacientes da situación da Atención Primaria.

Unha delas foi Noa Presas, deputada do BNG pola circunscrición de Ourense no Parlamento galego, que afirmaba en X (antes twitter) que “culpar a xente e insinuar que a saturación de Primaria é porque a xente pide cita e non vai como se fose a norma. Primeiro íase por vicio, agora isto. Fóra de que pode haber despistes, alguén pensa que a xente colle e non anula a mala fe?”

Outros usuarios apuntan a que “o problema e que cando te topas mal, con gripe por exemplo, pides cita e dancha para dentro de dúas semanas, cando chega o día ou xa fuches por urxencias ou xa curaches”.

A CRTVG está a ser nas últimas semanas albo de críticas polo seu proceder en dous campos informativos, a xestión da marea de plástico que chega ás costas da Galiza e o relativo ao p5oceso electoral de cara aos comicios do 18 de febreiro.