Medio Ambiente

O 9 de marzo, data de nacemento do Padre Sarmiento, será o Día do Naturalismo Galego

Retrato do Padre Sarmiento elaborado por Francisco Muntaner.
Colectivos ecoloxistas impulsan un recoñecemento ao Padre Martín Sarmiento, "un dos primeiros naturalistas da Galiza" e cuns estudos "desprezados polos gobernantes".

Diversas asociacións ambientais e ecoloxistas propuxeron esta cuarta feira o 9 de marzo, data de nacemento do Padre Martín Sarmiento, como Día do Naturalismo Galego, de forma que se recoñeza e reivindique non só esta rama da ciencia, senón tamén a figura do propio Sarmiento como "un dos primeiros naturalistas da Galiza".

Nun acto decorrido na sede do Consello da Cultura Galega (CCG), os ecoloxistas Rafael López Loureiro e Cosme Damián Romay presentaron o comunicado sobre a proposta civil "que busca pór a atención na importancia da natureza". Participaron tamén a presidenta do Consello, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias Naturais, Juan Lema; e, como asinantes do escrito, Ramsés Pérez, da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega); o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, o vicepresidente de Hábital, Santiago Vázquez Casás; e o representante de Verdegaia, João Tamayo.

O impulsor da iniciativa, Rafael López Loureiro, incidiu en que a iniciativa servirá para "vindicar o naturalismo galego, con moitísimos anos de traballo, e para dar a coñecer a obra naturalista de Sarmiento, aínda por coñecer". "Traballouse moito desde o punto de vista lingüístico, pero non desde o naturalismo", precisou.

Destacou tamén "a maneira de chegar" a esta proposta, que cualificou de 'made in Galiza', sen que medie "a burocracia". "Aquí non pedimos nin DNI, nin firmas, só a adhesión de vontades libres. Cando un galego dá a súa palabra xa vale. Non é necesario avalar o día, é unha cuestión da vontade dos galegos. A sociedade civil di que o vai a celebrar e faino", comentou.

Con todo, trasladou unha petición "sinxela e absolutamente posíbel" dirixida á Consellaría de Cultura e Educación para que inclúa este día no currículo de celebracións e efemérides galegas. Malia que non descartan emprender os trámites oficiais necesarios para a declaración deste día, matizan que "se a Consellaría fose sensíbel e tivese os ouvidos abertos, como outros que se sumaron —o CCG ou a Real Academia de Ciencias—, non faría falta chamar á porta".

Comunicado oficial

Romay foi o encargado de ler o comunicado conxunto da iniciativa, no que puxo en valor o traballo de Sarmiento, "sabio e estudioso da natureza da Galiza que necesita un maior recoñecemento social e político, para garantir que o naturalismo se inclúe nos currículos escolares e universitarios". A respecto da súa figura, destacou que foi un pioneiro en "clamar polos estudos de historia natural". "Instamos a que este día figure en almanaques e centros escolares, medios e redes sociais para apostar por unha ciencia de calidade nuns tempos difíciles", insistiu.

Nesta liña, lamentou que a actual "sexa unha época escura e triste para a recuperación e conservación da historia natural; machucados polos parques eólicos, con miles de eucaliptos e cables de electricidade e co descoñecemento social do que nos rodea". "Galiza é un país sen educación ambiental", indicou, tras o que animou a "protexer o que aínda se conserva".

O presidente da Real Academia de Ciencias centrou a súa intervención na necesidade de "transmitir á sociedade os valores da cultura científica e o poder transformador da ciencia". Aliás, puxo en valor que se trate dunha iniciativa civil. "A sociedade civil como tal está en decadencia, dimitiu de moitas das súas responsabilidades. Por iso dá gusto ver iniciativas que veñen da base, sen grandes nomes pero que van calando na propia sociedade", apuntou.

Pola súa parte, a Sociedade Galega de Historia Natural destacou o "natural" de defender unha iniciativa como esta, tendo en conta que o seu lema é "estudar, divulgar e defender o patrimonio natural galego, que é o que Sarmiento fixo durante moitos anos". "É unha pena que ese estudo e esa divulgación sexa tan desprezado polos que deberían aprecialo, que son os gobernantes", apostilou.

Eólica mariña

Nos mesmos termos expresouse o representante de Adega, que incidiu en que sexa unha iniciativa civil, alén de lamentar a "deterioración continua e incesante do malogrado patrimonio natural galego", que exemplificou coa planificación eólica. "Non queda nada por estragar", aseverou, motivo polo que animou á sociedade a "saír a lameiras e montes e aprender, divulgar e amar o patrimonio natural".

Todas as agrupacións presentes no acto mostraron a súa preocupación pola nova planificación da eólica mariña que, para a Federación Ecoloxista Galega, "pon o capital por riba dos postos de traballo do mar", alén do dano ambiental. "Será un gran desastre", aseveran.

Así, as asociacións comprometéronse a acordar un comunicado conxunto para o próximo día 9 de marzo "alertando" do que cualifican de "crime perfecto das costas galegas" e que levou, afirman, "unha toma de decisións sen coñecemento científico previo de cales serían eses impactos".