Medio Ambiente

A abella, unha sentinela en perigo: a mortaldade triplicouse nos últimos 40 anos

A agricultura industrial ameaza o futuro dos polinizadores. (Foto: Nós Diario)
O colectivo Máisquemel prepara unha xornada conmemorativa do Día Mundial das Abellas este sábado en Santiago.

Santiago de Compostela acolle este sábado unha xornada conmemorativa dedicada á divulgación da abella e da súa contribución ao mantemento da biodiversidade xunto a outros polinizadores. O colectivo Máisquemel, en colaboración con varias entidades, desenvolverá ao longo do día actividades dirixidas a todos os públicos na Biblioteca Ánxel Casal, o Museo de Historia Natural e o Auditorio da Galiza.

En cada cita dará conta da importancia destes pequenos insectos así como dos datos que acompañan a súa presenza na Galiza. En 40 anos a mortaldade anual de enxames pasou de 10 a 35%. Desde os 2000, a produción de mel por colmea e ano caeu de 22 a 10 quilos.

Máisquemel reivindica a urxente necesidade de protexer as abellas ante as ameazas ambientais que as atacan, como o uso de pesticidas, a contaminación ou o cambio climático, que se traduce en "quecemento e secas" e que "trastoca a época de floracións e o ciclo biolóxico das abellas".

"Con estes procesos descritos, dos que as nosas abellas xa nos viñan avisando, podemos afirmar que as abellas son sentinelas do medio ambiente e que as persoas estudiosas destes temas están concordando con datos estas observacións", afirman. De aí que celebrar o Día Mundial das Abellas, inciden, "tennos que levar a concienciarnos do perigoso da situación na que nos atopamos tanto elas como nós". E este é un dos fins do colectivo Máisquemel e das actividades que organiza na capital galega.

Programa de actividades

O día 20 de maio, ás 12 horas, a Biblioteca Anxel Casal acollerá un espectáculo para público infantil da man de Os Bolechas, a popular creación do ilustrador e humorista gráfico de Nós Diario Pepe Carreiro, que visitará a biblioteca para explicar aos nenos e nenas a importancia das abellas a través do conto Os Bolechas – Máis que Mel, con entrada libre até cubrir a capacidade da sala. Alí mesmo pódese visitar a exposición 'Expomundo das abellas', que estará aberta até o 31 de maio.

Xa ás 16 horas, na Cafetería Lasso do Auditorio da Galiza, o colectivo de Mulleres Abelleiras Galegas realizará unha xuntanza á que convidan a participar a todas as mulleres que se adiquen ás abellas, non só como apicultoras, se non tamén á súa divulgación, investigación ou a preparación dos seus diversos e valiosos produtos.

Pola tarde, de 17 a 19 horas, haberá un obradoiro no Museo de Historia Natural, para aprender a construír albergues de insectos. Será de balde e pódese acceder en calquera momento dentro do horario indicado. O Museo terá ese día entrada libre e poderase visitar a exposición 'Vespa velutina, unha invasión imparábel'.

Ademais, as persoas que asistan a estas actividades, poderán realizar o 'Xubileo Apícola', para o cal terán que recoller un folleto, dispoñíbel tanto na Biblioteca Anxel Casal como no Museo de Historia Natural, para selar meses mesmos lugares e presentalo cuberto, co cal poderán obter a credencial e convertirse así en "defensores e defensoras das abellas".