Un día (máis) para celebrar a Filosofía

Mural dedicado a mulleres filósofas no IES Polotécnico de Vigo.

O Día da Filosofía é de «quen se preocupa polo pensamento». Son as palabras da Unesco á hora de recoñecer o valor duradeiro da Filosofía como disciplina e de estabelecer unha xornada para a súa celebración. Desde 2005 son moitos os centros de ensino que festexan unha materia desprezada polas sucesivas reformas educativas, e que busca recuperar o seu propio espazo no currículo de secundaria.

Á espera dun Goberno estatal ao que reclamarlle que a filosofía regrese ás aulas como materia troncal e obrigatoria, alumnas e profesorado celebran este 21 de novembro, terceira quinta feira de novembro, o Día Mundial da Filosofía.

Unha data que busca o recoñecemento público desta materia como disciplina fundamental, irrenunciábel para o desenvolvemento do pensamento humano, crítico e independente, capaz de favorecer unha mellor comprensión do mundo en que vivimos.

«No instituto aproveitamos este día para mostrarlles aos compañeiros e ás familias o traballo que facemos na aula», apunta Eva Garea, profesora de Filosofía do IES Arcebispo Xelmirez I de Compostela e coordinadora das Olimpíadas Filosóficas da Galiza.

Unha gran descoñecida

Asegura que a Filosofía é unha gran descoñecida. «A maior parte de nós estudamos esta materia seguindo o modelo o antigo. Moitos colegas e boa parte das familias non saben cal é o resultado da renovación pedagóxica que viviu a Filosofía, por iso aproveitamos esta xornada para dar a coñecer as accións que desenvolvemos ao longo do curso», explica Garea.

Hai alumnas que piden clases extras de filosofía porque en 2º de Bacharelato non teñen a oportunidade de cursar a materia.

O cómic, a arte, a fotografía e as ferramentas dixitais son instrumentos imprescindíbeis nas aulas de Filosofía. Recursos moi útiles para alentar o pensamento e a creación dun marco conceptual que axude á rapazada a entender o seu sitio na sociedade.

A día de hoxe, só o alumnado de 1º de Bacharelato cursa filosofía de xeito obrigatorio. Tres horas á semana. A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) suprimiu esta materia troncal en 2º de Bacharelato.

Iniciativa Lexislativa Popular

Nalgúns territorios do Estado atoparon fórmulas para que o seu alumnado puidese seguir estudando filosofía, mais na Galiza non ocorreu o mesmo. A indiferenza da Administración motivou a mobilización do profesorado, que iniciou unha campaña para defender o seu valor esencial e a necesidade de que volva a ser unha «materia de seu», sinala Carme Adán, «e duradeira no tempo».

Carme Adán é Catedrática de Filosofía e profesora de ensino secundario. Ao igual que Eva Garea, denuncia o abandono do alumnado por parte do sistema educativo. «Hai alumnas que me piden clases extras de filosofía porque en 2º de Bacharelato non teñen a oportunidade de cursar a materia», di, pero máis aló desta demanda real insiste na importancia educativa e social desta que convida a reflexionar sobre o que é pensar e para que pensar.

Adán foi unha das cabezas visíbeis da Iniciativa Lexislativa Popular para a recuperación da filosofía na Educación, unha campaña que se puxo en marcha a mediados de 2017 e que rematou coa entrega, no Parlamento de Galiza, de máis de 8.000 sinaturas.

A obrigatoriedade da materia de filosofía en secundaria, unha demanda que noutros territorios do Estado prosperou porque atoparon fórmulas que lles permitiu ás estudantes cursar esa materia, na Galiza non avanzou.

Novena Competencia

A día de hoxe é optativa en 4º da ESO, troncal en 1º de Bacharelato e obrigatoria de forma parcial en 2º, só para o alumnado de Ciencias Sociais. As alumnas de Ciencias e de Artes, non teñen ningunha opción. «De aí que teñamos que animar as nosas estudantes a abordar a filosofía desde outros ámbitos e aproveitando outros recursos», afirma Eva Garea, «porque hai alumnas que están considerando deixar as Ciencias para poder seguir estudando esta materia en 2º de Bacharelato».

Defendemos o valor da Filosofía como novena competencia, capaz de integrar todas as demais e promover, fóra do ámbito do ensino, tamén, aprender a pensar.

As profesoras Garea e Adán non conciben a desaparición do estudo da filosofía e destacan a importancia de fomentala dentro do sistema educativo. «Defendemos o valor da Filosofía como novena competencia, capaz de integrar todas as demais e promover, fóra do ámbito do ensino, tamén, aprender a pensar», incide Eva Garea.

Olimpíadas filosóficas

Baixo esta premisa naceron hai sete anos as primeiras Olimpíadas Filosóficas. «Xurdiron como un intento de darlle ao alumnado un espazo fóra das aulas para reinventar a filosofía que estudan nas aulas», a punta a súa coordinadora.

En abril de 2020 Galiza acollerá por primeira vez a fase estatal deste certame que presume de non se someter ás regras dos exames, senón todo o contrario, estimular un exercicio libre por parte das mozas e mozos de entre 15 e 18 anos que participan en cada nova edición. Nesta ocasión, O poder do mito é o tema elixido para traballar a partir de diferentes linguaxes.

Penso... logo estorbo

A filosofía ten moito que dicir nas aulas aínda que se vira relegada. O lema Penso... logo estorbo que impulsou o movemento #FilosofíaSi para devolver aos institutos a historia do pensamento segue vixente. Loce en moitos centros de ensino que manteñen o seu compromiso con esta materia e tamén lonxe do ámbito educativo.

Filosofía a pé de rúa é un exemplo. Unha iniciativa que defende a necesidade de levar esta disciplina á «praza pública como ferramenta para pensar o mundo, a sociedade e a actualidade».

Tamén desde o Consello da Cultura Galega (CCG), desde a súa sección de Pensamento, manteñen o ciclo Pensarmos, coordinado por Carme Adán. Unha proposta que pretende o intercambio de ideas arredor de asuntos centrais como a posverdade, os fascismos dixitais, a precarización da vida ou a perda de liberdades.

«De cara ao ano que vén», convida Adán, «celebraremos unha xornada dedicada á filósofa Hannah Arendt, pero tamén preparamos unha programación máis ambiciosa que por riba de todo busca celebrar a Filosofía».