Día Internacional da Visibilidade Trans: o dereito a ser

Mobilización do colectivo LGTBI en Compostela con motivo do 8-M. (Foto: Avante LGTB)
O 31 de marzo conmemórase en todo o mundo a visibilidade trans, unha data que reivindica a diversidade, a necesidade dun recoñecemento social e legal máis amplo e a importancia de ser visíbeis. 

Desde o ano 2009, o 31 de marzo conmemórase o Día Internacional da Visibilidade Trans, dedicado á sensibilización en contra da discriminación cara ás persoas trans.

Unha carreira de fondo para organizacións, colectivos LGTB, educadoras e persoas trans que non deixan pasar un día sen combater os discursos de ocio nin promover unha coeducación inclusiva que respecte todas as identidades e disidencias de xénero.

Segundo recoñecen desde a Arelas, a Asociación de Familias de Menores Trans, "os prexuízos e tópicos seguen a estar interiorizados pola sociedade, sen cuestionarse o absurdo dos mesmos. Mesmo seguimos atopando a persoas que cuestionan a propia existencia ou o dereito aexistir das persoas trans".

Discriminación

A Axencia dos Derechos Fundamentais da Unión Europea (FRA) constatou en 2019  que a discriminación na UE por motivos de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero e características sexuais estaba aumentado: o 43 % das persoas LGTB declararon sentirse discriminadas en 2019, fronte ao 37 % en 2016.

Para moitas persoas trans é perigoso darse mostras de afecto en público, recoñecer abertamente a súa orientación sexual, a súa identidade ou expresión de xénero ou as súas características sexuais, na casa e no traballo. "Sinxelamente, non poden ser elas mesmas sen sentirse ameazadas", conclúe.

Discursos de odio

Na enquisa sobre LGTB de 2014 axencia europea era máis precisa a respecto das persoas trans e puntaba "unha conclusión sorprendente":  a gran cantidade de actos de violencia e de delitos motivados por discursos de odio dos que son vítimas as persoas trans, así como a frecuencia na que ocorren.

A taxa de incidencia anual de actos de transfofia, violencia ou acoso situábase aproximadamente en un incidente por cada dúas persoas trans consultadas, o dobre que o constatado para as lesbianas, gais e bisexuais consultados.

Dúas de cada cinco personas trans consultadas (44%) foran vítimas de actos de violencia nos 12 meses anteriores.

Con estes datos, antes e agora, a UE e sobre todo o movemento LGTB inisten na necesidade de mellorar as políticas de loita contra os delitos motivados polo odio.

Festa e reivindicación

"Aínda que a sociedade está cada vez máis sensibilizada, grazas ao traballo no eido educativo, queda pendente ese imaxinario colectivo da non correlación entre corporalidades e identidades, ou a marxinalidade e estigma", reclacan desde Arelas.

Na súa procura dunha sociedade máis libre, xusta e diversa, desde Arelas porfían no recoñecemento de todas aquelas persoas que "á conta da súa intimidade e mesmo ás veces, da súa propia seguiridade, fanse visíbeis para educar e sensibilizar á sociedade e tamén para que outras persoas poidan ter os referentes que elas non tiveron".

Con este obxectivo, esta tarde organizan o debate "Rebeldía e disidencia, revolución social" coa participación de Éric Gómez, Max Suárez, Sara Romero e Laura Bugalho como moderadora.

A Rede Educativa de Apoio LGTB da Galiza tamén última os detalles do I Congreso Educativo LGBTIQ+ da Galiza que terá lugar o 2 de abril en Compostela, unha xornada na que se analizará a realidade trans vinculada ás necesidades educativas, a realidade intersexual no ensino, os delitos de odio e a revitimización na interposición da denuncia, a prevención de suicidio en vítimas de violencia e delitos de odio, a homofobia ou a importancia da educación sexual.

Outros colectivos avogan por conxugar festa e reivindicación, como é o caso de Avante LGTB, que chaman a festexar "as persaos trans".