Día de Defuntos restrinxido pola Covid

Cemiterio de San Amaro, no concello da Coruña (Imaxe: Turismo de Galiza).
As visitas aos cemiterios desta fin de semana con motivo da festividade de Defuntos e Todos os Santos quedan marcadas este ano polo fechamento perimetral das sete grandes cidades galegas e da súa contorna e o resto de medidas de control para reducir o risco de contaxios.

A orde emitida a pasada sexta feira pola Xunta limita a entrada e saída das sete cidades, co obxecto de evitar desprazamentos cara a ámbitos rurais e expandir a pandemia a zonas con menos incidencia, ademais de implantar outras restricións como a limitación das reunión a persoas conviventes. 

Desta maneira, as persoas residentes nos ámbitos urbanos unicamente poderán visitar o cemiterio do seu concello. 

Así o confirmaba o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen explicou que as medidas van dirixidas a "evitar" desprazamentos fóra destas localidades con motivo do Día de Defuntos.

Segundo lembrou, son moitos os galegos e as galegas que viven en zonas urbanas, onde se concentra a maior incidencia do virus, e que se desprazan a honrar aos seus falecidos a cemiterios de vilas e aldeas, onde teñen lugar reunións e comidas familiares con motivo desta festividade, co que poderían esparexer os contaxios en zonas menos afectadas pola pandemia. 

Limitacións nos cemiterios

Así mesmo, a Consellaría de  Sanidade ten limitado a catro persoas do "mesmo grupo familiar ou convivente" e a 30 minutos máximo as visitas aos cemiterios galegos.

Así o reflicte nas recomendacións recollidas no Protocolo de prevención da infección polo virus  SARS- CpV-2 no cemiterios da Galiza de cara a estas datas, aprobado polo comité clínico o pasado día 23, no que se subliña que a duración das visitas aos cemiterios "deberá ser o máis breve posíbel e, en ningún caso, deberá ser superior a 30 minutos".

No documento sublíñase que "a situación epidemiolóxica actual imposibilita a realización de misas de campaña –no exterior– nos cemiterios".

Entre outros aspectos, Sanidade aposta por ampliar os horarios de apertura dos cemiterios "co fin de espaciar as visitas e evitar aglomeracións", fundamentalmente "nos casos que se proceda á limpeza dos nichos ou tumbas por parte de familiares". Respecto desta actividade, aconséllase realizala "nos días previos".

Sobre a ocupación, insístese en "respectar unha capacidade máxima dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazos computábel de superficie do recinto", para o que indica que se artelle "un sistema para o seu control".