Día Mundial do Alzhéimer

Cada ano diagnostícanse na Galiza máis de 6.000 persoas con patoloxías de demencia

Unha parella de anciáns cruza a estrada en Santiago de Compostela. (Foto: Europa Press)
Unha de cada oito persoas maiores de 65 anos padece algunha enfermidade deste tipo, que tamén pode darse, aínda que con moita menos frecuencia, na mocidade.

A Galiza diagnostica cada ano 6.300 persoas con patoloxías de demencia, entre elas alzhéimer, e conta actualmente cunhas 30.000 persoas que padecen algunha destas enfermidades.

Porén, segundo os datos que manexa a Federación Alzheimer Galicia (FAGAL), serían unhas 70.000 as galegas e galegos que padecen este tipo de doenzas.

Por outra parte, as consultas de pacientes con alzhéimer e outras demencias realizadas polo Sergas en atención primaria ao longo de 2021 foron un total de 715.753.

A Consellaría de Sanidade conmemora esta cuarta feira o Día Mundial do Alzhéimer baixo a lema 'InvestigAcción. No itinerario da demencia', unha xornada na que o Goberno galego lembra que a demencia é o resultado dunha enfermidade que dana cada vez máis o cerebro co paso do tempo.

Aliás, pode afectar calquera persoa indistintamente da súa procedencia e non forma parte do proceso de envellecemento. A pesar de que a demencia é máis común entre as persoas de máis idade, a mocidade tamén pode padecela.

O alzhéimer é a forma máis común de demencia —entre 60 e 80% de incidencia neste tipo de enfermidades—, aínda que hai outras doenzas que tamén poden producir demencia.

Destrúe células cerebrais e os nervios, interrompendo os transmisores que levan mensaxes ao cerebro, particularmente aqueles responsábeis do almacenamento dos recordos. Estímase que as demencias afectan 12,5% das persoas maiores de 65 anos.