Dez manifestacións sairán ás rúas na defensa da sanidade pública

sanidade_vigo

Esta cuarta feira, 26 de marzo, persoal e poboación en xeral sairán de novo ás rúas na defensa da sanidade pública e contra os recortes en servizos, a privatización e os copagamentos. As marchas terán lugar en A Coruña, Ferrol, Santiago, Ribeira, Pontevedra, Vigo, Ourense, O Barco, Lugo e Burela. 

CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA convocan as mobilizacións que están apoiadas por distintos colectivos , entre eles, SOS Sanidade Pública, que convocan a profesionais e a poboación en xeral a deferenderen unha sanidade pública, gratuíta e universal 

As organizacións sindicais, agrupadas na Plataforma Sindical da Saúde, diante das afirmacións da Conselleira que defendían a eficiencia da sanidade privada, contrapuxeron o Informe Bloomberg desenvolvido por unha axencia estadounidense que valora como 5º o sistema sanitario español, e o informe da Comisión Europea que cuestiona a conveniencia ada colaboración do ámbito público e privado. 

Os sindicatos critican a política de privatización e recortes do PP “que pretende é atender as presións dos lobbys da sanidade privada”. Segundo denunciaron, a Lei de Garantías e o Decreto de Xestión Clínica teñen a súa orixe na vontade de favorecer ás empresas privadas da saúde. Anunciaron tamén que non participarán no desenvolvemento do decreto de Xestión Clínica nin sequera na Comisión Técnica que se creou xa que as consecuencias serán “negativas e perversas”. 

SOS Sanidade Pública

“O decreto de xestión clínica con obxectivos exclusivamente de redución de gasto, as sucesivas privatizacións, a lei regresiva do aborto, a redución de persoal, o nepotismo desta Consellaría nos nomeamentos das xefaturas fan necesaria unha nova manifestación da cidadanía reclamando á Consellaría de Sanidade e á Xunta de Feijoo unha nova política sanitaria a favor da igualdade e de fortalecemento da sanidade pública”, defenden desde SOS Sanidade Pública que animan a se manifestar a profesionais e poboacións, despois da folga dos días 9 e 10 de decembro.  
 
“A Xunta acaba de aprobar o decreto de xestión clínica sen cambios e rompendo unha posible negociación sindical. A cidadanía debe ter claro que o único obxectivo do PP é reducir o gasto, pase o que pase e aínda que supoña afectar á saúde da poboación galega”, advirten, dunha situación na que destacan como últimas privatizacións o mantemento dos centros sanitarios e as centrais de esterilización, despois de xa ter afectado á central loxística de subministro e distribución de produtos do Sergas, á central de comunicacións ou á propia licitación do hospital de Vigo. 

Localidades e horarios das manifestacións

-A Coruña: 20 horas, da Casa do Mar

- Ferrol: 18:00 horas, de Fontenla Maristany

- Santiago: 20:00 horas, da Praza Roxa

- Ribeira: 20:00 horas do Centro de Saúde

- Pontevedra: 20:00 horas, do Hospital Provincial

- Vigo: 20:00 horas do Hospital Xeral

- Ourense: 20:00 horas, do Pavillón dos Remedios

- O Barco: 20:00 horas do Hospital Comarcal de Valdeorras

- Lugo: 20:00 horas, do Edificio Multiusos da Xunta

- Burela: 20:30 horas, do Hospital da Costa