Devolver as cidades ás persoas

Pontevedra pon en valor o seu modelo de cidade no II Congreso de Cidades que camiñan. 

 

Devolver as cidades @s transeúntes. Ese é o obxectivo das cidades que camiñan. Espazos deseñados a partir de modelos urbanísticos que poñen no seu centro as persoas. E cando falamos de mobilidade urbana, en Galiza o referente é a cidade de Pontevedra. 

A vila do Lérez acolle os 16 e 17 de outubro o II Congreso de Cidades que Camiñan. Un espazo para partillar iniciativas e ideas sobre modelos de mobilidade urbana. Nesta ocasión, Pontevedra gozará dun maior protagonismo como anfitrioa e explicará ás outras urbes da Rede de Cidades que Camiñan as súas políticas neste eido. 

O 'modelo Pontevedra' foi premiado en múltiples ocasións e mesmo a nivel internacional. “Vai por diante na maneira en que as cidades evoluirán”, chegou a asegurar o pasado mes de setembro Natalie Leclerc, presidenta de Intermodes, con motivo da súa visita á cidade do Lérez. “Calquera que chegue a Pontevedra ve que é unha cidade feita para vivir”, sinalou Leclerc. E é que o seu modelo sitúa no seu cerne a concepción d@s transeúntes como xeradores de “vida” e “riqueza”. 

 Natalie Lecler, presidenta de Intermodes: “Calquera que chegue a Pontevedra ve que é unha cidade feita para vivir”

Ao longo da dupla xornada de traballo –na que se combinarán mesas redondas, debates e obradoiros, @s participantes poderán coñecer unha das experiencias postas en andamento polo goberno pontevedrés nos últimos anos e que están a ter unha grande acollida entre a veciñanza como o Metrominuto ou os “camiños escolares”. Unha iniciativa encamiñada a facilitar a “autonomía” e “seguridade” da cidadanía, nomeadamente das crianzas durante o traxecto á escola.

Camiños escolares 

Este proxecto xa se está a desenvolver noutras vilas do país como Carballo e baséase na peatonalización da cidade e nunha acción conxunta entre distintos axentes (familias, expertos en seguridade vial, crianzas e mesmo comerciantes). 

Pablo Barco: “os peóns melloramos a cohesión social dos nosos municipios co uso e goce do espazo público

Este proxecto “contribúen”, aseguran desde o Concello de Pontevedra, a que as crianzas “gañen autonomía e poidan mesmo resolver pequenos problemas, coñecen a cidade á súa medida” e “volven tomar as rúas”. Porén, vai para alén da calidade de vida das crianzas até o punto de apostaren na modificación do espazo público en favor da vida na rúa”. 

Outras cidades do Estado español e Portugal achegarán tamén as súas propostas con espazos de debate sobre saúde e cidade, políticas de mobilidade e innovación. Concellos como Irún, Torres Vedras ou Maó-Mahón partillarán espazo con profesores da Universidade Autónoma de Barcelona ou a Universidade Europea de Madrid á fin de trazar as liñas mestras dun xiro no modelo urbanístico das cidades en favor d@s transeúntes pois, afirma o director do Congreso, Pablo Barco, “os peóns melloramos a cohesión social dos nosos municipios co uso e goce do espazo público. Fronte “o envellecemento da poboación, a contaminación e o incremento da obesidade infantil”, salienta Barco, “debemos fomentar unha sociedade activa que aposte na desprazamento a pé xunto co transporte público”.