Detidos en Vigo dous homes por presunta violencia de xénero, e outro máis por vulnerar unha orde de afastamento

O suceso produciuse na rúa Urzaiz de Vigo. (Foto: Google Maps)

Un dos denunciados aínda non foi localizado

A Policía Local de Vigo detivo dous homes a pasada fin de semana por supostos episodios de violencia de xénero, e outro por vulnerar unha orde de afastamento ditada por un xulgado penal da cidade.

Segundo informaron fontes policiais, a primeira hora da tarde do pasado sábado, o 092 recibiu unha chamada sobre unha suposta agresión machista na rúa Rosalía de Castro. Cando os axentes chegaron, a suposta vítima recoñeceu que tivera unha discusión coa súa parella pero que non pasara nada, a pesar de que tiña un golpe no lado esquerdo da cara.

As testemuñas explicaron á Policía que o home, J.J.J., de 36 anos de idade, propináralle unha labazada á muller. Por estes feitos, os funcionarios procederon á detención do home.

Xa na madrugada do domingo a esta segunda feira, a Policía Local acudiu ao parque de Castrelos (onde se celebrou o concerto de David Guetta) tras recibir un aviso por unha agresión machista. Unha testemuña denunciou que vira un home atacar a súa parella.

Os axentes entrevistáronse coa suposta vítima, que negou dita agresión e que xustificou as lesións que presentaba "por unha caída". Con todo, en atención ao relatado pola testemuña, a Policía detivo ao sospeitoso, E.J.V.G., de 44 anos de idade.

Ademais, a Policía interviu tamén noutro episodio de violencia de xénero, ao mediodía da pasada quinta feira, 17 de agosto. Unha patrulla que prestaba servizo na zona peonil da rúa Urzáiz foi requirida por unha muller, que lles explicou que a súa parella a agredira esa madrugada no domicilio familiar.

A vítima non puido precisar con que fora golpeada porque non lembraba o motivo da discusión. Segundo o seu relato logrou zafarse e fuxir, e foi refuxiarse na casa dunha amiga.

A muller explicou que xa sufrira agresións anteriores por parte da súa parella pero non se atreveu a denuncialo. Os policías acudiron ao domicilio pero alí non se atopaba o sospeitoso, que aínda segue sen ser localizado; e a muller foi evacuada a un centro médico.

Quebrantamento de condena

Por outra banda, a Policía Local informou doutra intervención, na madrugada do domingo, cando a dotación que patrullaba pola rúa Hernán Cortés observou a unha parella discutindo.

O home presentaba unha ferida sanguenta na boca, e a muller recoñeceu que ela o agredira durante unha discusión para evitar que conducira unha motocicleta, porque consumira alcol. Por iso, foi detida por un suposto delito de violencia familiar.

Tamén na madrugada do domingo, o 092 recibiu un aviso para acudir á rúa Urzáiz, onde unha parella estaba a discutir na vía pública. Unha vez identificados, os axentes comprobaron que hai unha orde de afastamento, en vigor até 2024, que prohibe ao home achegarse á muller por un delito de malos tratos no ámbito familiar, polo que foi arrestado como presunto autor dun quebrantamento de medida.