Os detidos polo atropelo mortal en Santiago declaran ante a Policía, que non descarta a intencionalidade

Rúa Poza Real de Arriba, en Santiago, onde se produciu o incidente. (Foto: Google)
A Policía Nacional mantén abertas todas as hipóteses nestes momentos, incluída a posíbel intencionalidade do atropelo na Rocha Vella (Conxo, Santiago) ao home de 59 anos que faleceu no acto.

Os dous detidos polo atropelo mortal a un home de 59 anos na madrugada desta pasada terza feira en Santiago de Compostela prestaron declaración esta cuarta na comisaría da Policía Nacional na capital galega, que se encarga dunha investigación na que a intencionalidade na manobra é unha das hipotése que están actualmente sobre a mesa.

Fontes policiais citadas pola axencia Europa Press confirmaron que os dous arrestados, un home de 30 anos e unha muller de 27, foron interrogados polos investigadores na mañá de hoxe, 24 horas despois da súa detención. O atropelo produciuse de madrugada no barrio da Rocha Vella (Conxo, Santiago de Compostela) e o condutor deuse á fuga, mais minutos despois deu aviso do sucedido.

Durante este tempo, axentes da Policía Xudicial e Científica solicitaron probas para reconstruír o incidente e elaborar os seus informes, aos que se incorporarán os testemuños dos veciños da zona do atropelo, onde residía a vítima, un home de 59 anos, Jorge Santiago Salgado, que se atopaba paseando co seu can cando, minutos antes das 6 horas, levouno por diante un Mercedes Benz de cor gris.

Nun primeiro momento, o vehículo implicado fuxiu do lugar sen socorrer o peón —coa consecuente posíbel comisión dun delito de omisión de socorro—, falecido no punto sen que puidesen facer nada pola súa vida os servizos sanitarios desprazados até o lugar. Máis tarde, unha persoa púxose en contacto coa Garda Civil para avisar do ocorrido —igual que, supostamente, o propio autor do atropelo—, o que derivou na detención deste home e da muller que o acompañaba no coche.

Unha vez recollida a súa versión dos feitos, espérase que pasen a disposición xudicial ante o xulgado de instrución número 1 de Santiago, algo que podería producirse xa esta quinta feira, segundo apuntaron fontes xudiciais.

A investigación que leva a cabo a Comisaría da Policía Nacional na capital galega mantén abertas todas as hipóteses sobre o sucedido, incluída unha posíbel intencionalidade na saída da calzada. Alén da recompilación de datos periciais, a policía tamén interrogou os veciños da zona, que aseguran escoitar ruídos no momento do suceso.