Dúas persoas detidas polo atropelo mortal en Santiago a un home de 59 anos após darse á fuga o condutor

Rúa Poza Real de Arriba, en Santiago, onde se produciu o incidente. (Foto: Google)
O condutor deuse á fuga e contactou minutos despois coa Policía para informar do sucedido.

Un home de 59 anos de idade faleceu na madrugada desta terza feira ao ser atropelado por un coche no barrio da Rocha Vella, na parroquia santiaguesa de Conxo. O suceso produciuse contra as 5.44 horas desta terza feira na rúa Poza Real de Arriba, segundo informaron desde a central de emerxencias do 112-Galiza.

Até o lugar do accidente desprazouse unha ambulancia do 061 que, con todo, nada puido facer por salvar a vida deste home, de iniciais J.S.S. e que tiña 59 anos. Após o atropelo, condutor non detivo a marcha e deuse á fuga, o que podería derivar na comisión dun delito de omisión de socorro se así o estimasen as autoridades.

Con todo, fontes coñecedoras do caso citadas pola axencia Europa Press confirman que, minutos despois do incidente, este home púxose en contacto coas forzas de seguridade para informar do sucedido. Os feitos foron trasladados á Policía Local e Nacional, encargada da investigación xa aberta para esclarecer os feitos e que anunciou contra as 11h desta terza feira a detención de dúas persoas como presuntas responsábeis do atropelo.

A rúa do tráxico accidente, Poza Real de Arriba, é unha das alternativas de moitas condutoras e condutores que cada mañá se dirixen á capital galega desde O Milladoiro (Ames) fronte a outras opcións como a estrada SC-20, frecuentemente ateigada de vehículos a primeira hora da mañá.