Detido no aeroporto de Sá Carneiro un condenado por pertenza a Resistencia Galega

[Actualizada ás 10:50 horas] A radio-televisión pública portuguesa informou que foi detido, canda un acompañante, cando procuraban viaxar a Venezuela con documentación  falsa. Fontes policiais citadas por medios portugueses e españois apontan que o detido é Heitor N.G. Esta quinta feira pasará a disposición xudicial. Jaime M.M foi posto en liberdade.

 

Dous galegos foron detidos esta cuarta-feira no aeroporto de Sá Carneiro (Porto) cando tentaban embarcar nun avión con destino a Venezuela [tiñan billete para o voo a Cáracas das 12.36 horas, hora lusa], informa a Radio Televisión Pública (RTP) portuguesa. Un deles foi condenado, di a cadea pública lusa, por pertenza a banda armada. Os dous foron detidos polo Servizo de Estranxeiros e Fronteiras. O xornal luso Público, citando fontes policiais, afirma que os detidos forman parte de Resistencia Galega. Neste punto, diversos medios e axencias de noticias españolas, identifican os detidos en Porto como Heitor N.'Koala', que foi condeado en decembro pola Audiencia Nacional a 11 anos de prisión, e Jaime M.M, que ten dupla nacionalidade, española e venezolana, e que non pertencería a RG.

Jaime M.M. foi posto en liberdade sen cargos a última hora da tarde da quinta feira. Jaime M.sería, segundo afirmaban nesta quinta desde o independentismo galego, representante do colectivo venezuelano Fundación Alexis Vive.

A detención foi realizada por efectivos do Serviço Estrangeiro de Fronteiras (SEF). Estas dúas persoas están a seren interrogadas nas instalacións da SEF no Sá Carneiro. Heitor N portaba un pasaporte venezuelano falso. 

Segundo a RTP, a policía lusa coñecía con antelación que estas dúas persoas se ían desprazar ao Sá Carneiro, pois fora advertida polas Forzas de Seguridade españolas.

Unha vez detidos, corresponderá ao Estado español tramitar a petición de extradición.

Os dous cidadáns galegos terán de responder, antes do máis, perante un tribunal luso polo pretensa comisión dun delito de uso de documentación falsa. Segundo fontes da SEF,  Heitor N.G, de 33 anos, pasará a disposición xudicial esta quinta feira.

O xornal portugués Público lembra que as detencións teñen lugar un mes após o ministro do Interior español ter alertado nunha xuntanza coa ministra da Administración Interna, en Lisboa, que Resistencia Galega quería instalar unha base loxística no norte de Portugal.

Concentracións en Galiza

O organismo anti-represivo Ceivar informa que esta quinta feira decorrerán en Galiza asembleas "informativas e de solidariedade" co detido en varias cidades e vilas. Burela: Praza do Concello (20h30) Compostela: Praza do Pan (20h30) Ferrol: Praza do Concello (20h30) Ourense: Praza do Ferrol (20h30) Vigo:  Marco (Rua Príncipe) (20h00) e Lugo: Praza Maior (20h30)