Violencias machistas

Detidos tres homes por violencia machista na Galiza

Mobilización contra a violencia machista [Imaxe: GZ Contrainfo]

O agresor que fuxiu após apuñalar a súa ex parella en Vimianzo foi localizado e detido nunha praia de Muxía. Na Coruña dúas mulleres alertaron a policía de que os seus maridos querían agredilas. Ambos homes tamén resultaron detidos.

O home que apuñalou a súa ex parella en Vimianzo foi detido na tarde desta quinta feira. Unha chamada de teléfono alertou dun vehículo estacionado na praia dos Muíños, en Muxía, que coincidía coa descrición do automóbil que utilizara Javier M. T. para escapar após apuñalar a Montserrat López Mosquera.

 

A vítima, de 48 anos, continúa ingresada en estado moi grave após a agresión sufrida en torno ás 9 da mañá desta quinta feira fronte o seu posto de traballo.

 

A muller atopábase en compañía dunha clienta cando apareceu no lugar a súa ex parella. O home estaba armado cun coitelo e a clienta foi á rúa pedir axuda. Ao regresar, atopouse a Montserrat López sobre un charco de sangue. O agresor, que lle cravou o coitelo no pescozo, montouse posteriormente na furgoneta branca en que máis tarde sería detido.

 

Dúas detencións na Coruña

 

Axentes municipais detiveron na Coruña a dous homes por violencia machista. Un deles ameazara con matar a súa parella diante dos axentes, após unha patrulla terse desprazado ao barrio de Monte Alto, onde unha muller de 64 anos alertara de que a súa parella quería agredila.

 

A muller explicou á policía que mantiñan unha relación desde había 15 anos e as ameazas e agresións eran habituais, pero que non denunciara antes por medo a represalias. O home negou os feitos e acusou a muller de mentir, mais ao momento díxolle "mañá voute matar", momento en que o home, de 66 anos, foi detido.

 

O pasado día 13 de maio unha patrulla da policía local desprazouse a un domicilio da Zapateira, na Coruña, após manifestar unha muller que a súa parella chegara a casa moi violento e que a agredira.