Detido un taxista en Cangas por dous delitos de agresión a menores

Imaxe dun taximetro (Foto: Nós Diario)

Tratou de bicalas e propúxolle actos sexuais ao levalas a casa

Un taxista da comarca pontevedresa do Morrazo foi detido pola Garda Civil de Cangas por dous presuntos delitos de agresión sexual a menores ao tratar de bicalas ou propoñerlles actos sexuais mentres as levaba a casa.

Tal como informou a Benemérita, a investigación iniciouse por unha denuncia presentada por unha das vítimas, na que a menor relataba unha agresión sexual ocorrida no interior dun taxi, mentres se trasladaba de madrugada desde Cangas a Moaña, acompañada dunha amiga.

O condutor, despois de deixar unha delas en casa, tería detido o coche, comezando a facer comentarios relativos ao físico da menor e á súa roupa, mentres lle acariñaba a perna tentando baixarlle a roupa e propoñéndolle un acto sexual. O home tamén lle asegurou que se o facía, non lle cobraría a carreira.

Nun momento dado, ela finxiu a chamada da súa nai, polo que o home desistiu e deixouna na súa casa, non sen antes advertila de que "non lle buscase un problema".

A segunda vítima, tamén menor de idade, asegurou que o taxista lle pediu que lle dese un bico. En ambos os casos, o presunto autor dos delitos, de 65 anos de idade, aproveitaría a súa profesión de taxista para transportar a menores á súa casa de noite tras saír de festa.

O home foi detido e as dilixencias foron postas ao dispor do Xulgado de Garda de Cangas, sendo o home posto en liberdade pendente de acudir ao Xulgado cando sexa requirido para iso.