Xustiza

O detido en Sober por suposta vinculación cun grupo neonazi pasará a disposición xudicial esta quinta feira

Vivenda do detido en Sober. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O dispositivo centrouse en Combat 18, unha "organización criminal vinculada ao nacional socialismo e ao supremacismo branco", salientaron as autoridades policiais, e que se centra en "vulnerar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas", fomentando o odio por motivos racistas e ideolóxicos.

O home arrestado esta terza feira na aldea de Ferroños, en Sober (Terra de Lemos), como presunto integrante da organización criminal neonazi Combat 18 pasará a disposición do Xulgado número 1 de Monforte ao longo da mañá desta quinta feira. Combat 18 é un colectivo prohibido en países como Alemaña e Canadá e considero terrorista polas autoridades canadenses canda Blood & Honour, outro recoñecido grupo da extrema dereita internacional co que mantén estreitos vínculos.

O detido en Sober, un home de mediana idade e a única persoa interceptada na Galiza no marco dun dispositivo conxunto levado a cabo pola Policía Nacional e os Mossos d'Esquadra en paralelo en municipios de Catalunya, Madrid, Castela-A Mancha e Andalucía, foi arrestado a primeira hora da mañá da terza feira nunha casa illada na que vivía en réxime de alugueiro na cativa aldea de Ferroños, no municipio de Sober, logo de que catro unidades da Policía Nacional procedesen ao rexistro do seu domicilio.

"Non coñecemos aínda o alcance da operación, pero estamos sorprendidos de que nun concello cativo como Sober pasen este tipo de cousas", sinalou esta terza feira o alcalde, Luis Fernández Guitián, en declaracións á axencia Europa Press. En total son 16 as persoas detidas —trece homes e tres mulleres, de entre 30 e 45 anos de idade—, 11 delas en Catalunya, que pasarán tamén esta quinta feira a disposición xudicial en Manresa (Barcelona), segundo explicaron esta cuarta feira fontes coñecedoras citadas pola axencia Europa Press.

O dispositivo centrouse en Combat 18, unha "organización criminal vinculada ao nacional socialismo e ao supremacismo branco", salientaron as autoridades policiais, e que se centra en "vulnerar os dereitos fundamentais e as liberdades públicas", fomentando o odio por motivos racistas e ideolóxicos. "Hai que enviar todos os 'non brancos' de regreso a África, Asia e Arabia, quer vivos quer en cadaleitos", salienta a propia organización neonazi.

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) informou nun comunicado que a investigación está tutelada polo Xulgado de Instrución 3 de Manresa desde abril deste ano. Durante a investigación púidose determinar o grao de participación e militancia das persoas detidas, así como as relacións internacionais con membros de Combat 18 noutros países, tanto de Europa como de Sudamérica.

O seu nome recolle letras primeira e oitava do abecedario, A e H, en alusión a Adolf Hitler, un recurso moi empregado por bandas de extrema dereita, así como o 88, que fai referencia ao saúdo nazi, Heil Hitler. "Combat 18 alenta a creación de células independentes e terrorismo de lobo solitario baixo o lema 'custe o que custe!'. Malia que é posíbel que o grupo algunha vez tivese unha 'lista oficial', os partidarios de Combat 18 agora afirman que a membresía se logra mediante a participación en actividades neonazis violentas", explican desde o Counter Extremism Project.