O detido polo asasinato da súa parella será trasladado esta fin de semana até A Coruña

Concentración en Compostela en condena polo asasinato (Foto: Europa Press).
A detención, realizada nun hotel, realizouse polo seguimento do seu teléfono móbil. Convocadas ducias de concentración en repulsa para este sábado en vilas e cidades galegas.

Ao correr das horas contamos con máis datos da detención pola Policía a última hora desta pasada quinta feira en Madrid de J.R.G.G., a parella da muller asasinada no seu domicilio na Coruña.

Segundo fontes da Delegación do Goberno español na Galiza, para a súa localización a policía axudouse do  seguimento do seu teléfono móbil e as cámaras do aeroporto, tras coller o home un voo cara Madrid "ao longo do día" na xornada da pasada cuarta feira. Posteriormente, hospedouse nun hotel da capital española, onde foi detido. 

O delegado do Goberno na Galiza, José Miñones, confirmou que o presunto autor do crime machista da Coruña desprazouse tras os feitos en avión a Madrid e precisou que, a diferenza do que inicialmente se cría, a morte violenta da muller produciuse no transcurso da cuarta, o mesmo día en que viaxou até a capital española.

Miñones precisou que se non se lle puido deter antes foi porque viaxou en avión antes de que o fillo da muller descubrise o corpo da mesma no seu domicilio da rúa Juan Darriba. Ademais, a Delegación do Goberno confirmou como crime machista este asasinato.

Sobre as denuncias previas por violencia de xénero contra o home, no caso de dúas mulleres, Miñones asegurou que hai que seguir traballando para "poñer en coñecemento esa información" e seguir "nesa liña de casos previos cun seguimento a través de psicólogos ou mesmo por parte dos corpos de policía para poder atender se son patróns ou casos illados".

O detido será trasladado até A Coruña para que pase a disposición xudicial no xulgado de garda esta mesma fin de semana, segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. 

Concentracións en vilas e cidades galegas

A resposta social non se fixo agardar. Ademais dos actos realizados esta sexta feira, para hoxe sábado están convocadas, ao feche desta edición, máis de trinta concentracións que terán lugar ás 20 h. na Coruña, A Estrada, A Guarda, A Gudiña, Allariz, As Pontes, Betanzos, Cabanas, Cangas, Carballo, Carnota, Catoira (20.30h), Celanova (19.30h), Cerdedo-Cotobade, Chantada, Compostela, Ferrol, Lalín, Lugo, Marín, Melide, Moaña, Monforte de Lemos, Noia (20.30h), O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribadavia, Ribeira (20.30h), Tomiño, Tui, Val Miñor, Vilagarcía (19h), Vilalba e Vigo