Detido en Ourense un veciño do Grove vinculado a unha rede de tráfico de droga e persoas

O delegado do Goberno estatal, Pedro Fernández, informando os medios sobre o operativo. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)
Entre as actuacións, atópanse 23 rexistros domiciliarios en diferentes puntos da Galiza, Andalucía e Melilla.

Un veciño do municipio do Grove (O Salnés) é un dos 30 detidos nun operativo desenvolvido pola Garda Civil na Galiza, Andalucía e Melilla contra un grupo dedicado ao tráfico de droga e persoas. O arresto produciuse esta cuarta feira en Ourense, onde este individuo foi localizado despois de que un grupo de axentes da Garda Civil se presentase no seu domicilio do Grove, que foi rexistrado.

Así o trasladaron fontes da investigación consultadas por Europa Press, que apuntan que este home estaría vinculado coas actividades relacionadas co tráfico de estupefacientes. Segundo os datos facilitados polo delegado do Goberno estatal en Andalucía, Pedro Fernández, até o momento producíronse 30 detencións en varios puntos de Andalucía, Melilla, ademais da Galiza, pola súa suposta implicación nunha organización criminal dedicada ao tráfico de cocaína, haxix e á introdución de inmigrantes procedentes de Marrocos.

En declaracións aos xornalistas, Fernández indicou que se trata de "unha macrooperación moi importante que propiciou que haxa eses 30 detidos e tamén que, até o momento, incautáronse, con carácter previo á entrada e rexistro, uns 525 quilos de cocaína e uns 2.700 quilos de haxix".

Segundo informou a Garda Civil, trátase da fase de explotación da operación denminada 'Ranger', desenvolvida por axentes da Policía Xudicial da Garda Civil da Comandancia de Alxeciras (Cádiz), na que se investiga a unha organización criminal dedicada ao tráfico de drogas e á introdución de inmigrantes ilegais desde Marrocos.

Entre as actuacións, atópanse 23 rexistros domiciliarios nas provincias de Almería e Málaga, así como en Melilla, Pontevedra e o Campo de Xibraltar, onde se produciron as 30 detencións até o momento.