Detido en Nigrán un home por intentar botar os seus inquilinos pistola en man

Os feitos ocorreron na noite desta quinta feira. (Foto: Arquivo)
Os primeiros indicios da Garda Civil apuntan a que o dono quería rescindir o contrato, ao sospeitar que os seus inquilinos poderían estar subarrendando habitacións.

A Garda Civil detivo un home e está a investigar outras cinco persoas máis por supostos delitos de violación de morada, ameazas, lesións e coaccións, ao verse implicados nunha pelexa cando tentaban botar dunha vivenda de Nigrán (comarca de Vigo) os inquilinos dun deles. O acusado portaba unha arma de fogo.

Os feitos ocorreron na noite desta quinta feira, cando o propietario dunha vivenda na parroquia de Parada, acudiu á mesma acompañado por varias persoas para botar os inquilinos aos que lla tiña alugada. Os primeiros indicios apuntan a que o dono quería rescindir o contrato, ao sospeitar que os seus inquilinos poderían estar subarrendando habitacións.

Á chegada do dono e dos seus acompañantes, produciuse unha disputa no transcurso da cal, o propietario da vivenda realizou varios disparos ao aire cunha arma de tiro deportivo —para a que ten licenza—, sen alcanzar a ningunha persona. Con todo, na refrega varias persoas resultaron lesionadas e unha delas tivo que ser evacuada a un centro hospitalario.

A Garda Civil detivo ao dono da vivenda polos supostos delitos de violación de morada, ameazas e coaccións. Aliás, durante a mañá desta sexta feira, os axentes abriron tamén dilixencias de investigación con respecto a outras cinco persoas: unha por violación de morada e coaccións e as outras catro polos mesmos supostos delitos máis o de lesións.