En liberdade con cargos os dous independentistas detidos en Compostela

Xeira e Briga informaron esta cuarta feira (5 de novembro) da detención de dous militantes. Após pasar a disposición xudicial ambos os dous ficaron en liberdade con cargos.

 

Os dous militantes independentistas detidos esta cuarta feira pola policía española en Compostela - M.A (Xeira) como A.C (Briga)- ficaron en liberdade con cargos após ser postos a disposición xudicial. 

Através das redes sociais a organización xuvenil Xeira deran conta esta cuarta feira da detención dun dos seus militantes, M.A., na capital galega. Segundo foi difundido por diversos medios de comunicación as razóns da detención estarían relacionadas cos protestos na Facultade de Matemáticas coincidindo cunha visita de Alberto Núñez Feijóo. 

Poucas horas despois a organización xuvenil independentista, Briga, informou da detención dun militante, A.C. através da súa conta oficial en Twitter. Até o momento tampouco trascenderon as razóns da súa detención. 

Fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que as detencións se produciron por volta das 11.00 horas no caso de M.A. militante de Xeira e arredor das 16.00h no caso de A.C, militante de Briga. Ambos os dous mozos independentistas chegaron aos xulgados de Fontiñas (Compostela) entre as 17.00 horas e as 17.45h. onde se concentraba un grupo de persoas para amosar o seu "apoio" e "solidariedade" cos detidos. 

Após dúas horas nos xulgados, M.A. foi posto en liberdade con cargos, segundo informou o Organismo anti-represivo Ceivar. acusado dun suposto delito de "atentado á autoridade" e "lesións" polo protesto desenvolvido no Campus de Compostela con motivo da visita do presidente da Xunta a un ciclo de conferencias. Pouco despois, o outro detido, A.C. foi posto a disposición xudicial após o que quedou en liberdade con cargos.