Detido un home en Vigo tras agredir a súa parella e introducila nun portal pola forza

O presunto agresor foi detido na avenida de García Barbón. (Foto: Google Maps)
A vítima estaba "moi nerviosa" e presentaba marcas vermellas no pescozo.

Un home, P.F.S., natural de Romanía e de 37 anos de idade, foi detido na madrugada desta pasada quinta feira en Vigo tras agredir a súa parella e introducila nun edificio contra a súa vontade.

Tal e como informou a Policía Local, os feitos ocorreron minutos antes das 01 horas, cando unha persoa alertou os axentes de que acababa de ver como un home estaba a discutir coa súa parella mentres a agarraba forte do pescozo, zarandeaba e introducía no interior dun portal pola forza.

Minutos máis tarde, saíron de novo á rúa en dirección á Porta do Sol, mentres o home berraba á muller. Con estes datos, iniciouse unha batida nas proximidades, localizándose a vítima, veciña de Vigo e de 33 anos de idade, que estaba moi nerviosa e presentaba marcas vermellas no pescozo.

Ela recoñeceu ter unha discusión coa súa parella, pero declinou asistencia sanitaria. Máis tarde interceptouse o home na rúa García Barbón, sendo detido pola suposta comisión dun delito de violencia de xénero.