Detido un home en Vigo por quebrantar unha orde de afastamento

Praza da Independencia de Vigo. (Foto: Google)
Incúmprea "sistematicamente e de forma habitual", denunciou a ex parella do detido.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 45 anos de idade, D.I.P., por un suposto delito de quebrantamento de condena, ao incumprir unha resolución xudicial que lle impidía achegarse a menos de 400 metros da súa ex parella. Os feitos ocorreron a última hora da tarde desta terza feira, cando unha muller requiriu a unha dotación policial que estaba de patrulla pola zona de Praza da Independencia.

A muller identificouse ante os axentes e explicoulles que a súa ex parella, con quen ten en común un fillo menor de idade, ten unha orde de afastamento cara a ela, mais está a "incumprila sistematicamente" e de forma habitual, dixo. Así, relatou que a pesar da medida o home vai até o seu domicilio para entregar ou recoller o fillo.

Os policías comprobaron a existencia desa medida de afastamento —e prohibición de comunicación— e desprazáronse até a rúa do Pintor Lugrís, onde se atopaba o home no interior dun vehículo. O acusado confirmou que coñecía a existencia desa orde e, ao constatar que se atopaba a menos de 200 metros do domicilio da muller, os axentes procederon á súa detención.