Detido un home que tentou atropelar á súa ex parella na parroquia viguesa de Zamáns

Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
Está acusado dun delito de violencia machista e esta sexta feira pasará a disposición xudicial.

Un home foi detido na noite desta pasada quinta feira despois de tentar atropelar á súa ex parella na parroquia viguesa de Zamáns. Segundo fontes consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron na noite desta quinta nunha aldea desta parroquia.

O mozo, segundo as mesmas fontes, tentou levar por diante a súa ex parella co vehículo; porén, acabouno estrelando contra a casa da vítima, sen que ninguén resultase ferido.

Por todo iso, o home foi detido pola presunta comisión dun delito que se está a investigar como caso de violencia machista. Esta sexta feira pasará a disposición xudicial nos tribunais de Vigo.

Violencia machista na Pobra

É o segundo presunto caso de violencia machista do que se ten coñecemento nas últimas 24 horas, pois un home foi arrestado esta quinta feira acusado de ser o responsábel do incendio intencionado nunha vivenda da Pobra do Caramiñal, onde se atopaba a súa parella, que ten unha discapacidade por mobilidade e que tivo que ser rescatada polos servizos de emerxencia.