INVESTIGAN OUTRO CASO DE FEMINICIDIO EN VALENCIA

Detido un home polo asasinato da súa muller en Mallorca

Unha muller inglesa de 49 anos foi asasinada este sábado presuntamente a mans do seu home no seu domicilio de Mallorca. Tamén se investiga outro posíbel caso de asasinato machista en Valencia.

Un home de nacionalidade inglesa foi detido tras chamar o servizo de emerxencias para confesar que matara a súa muller na súa casa de Mallorca. A vítima, tamén inglesa e de 49 anos, morreu estrangulada.

Ademais, a policía investiga outro presunto caso de asasinato Machista en Valencia, onde foron atopados os cadáveres dun matrimonio con múltiplas feridas de arma branca. As hipóteses nas que traballan os investigadores e investigadoras apuntan a que o home, de 77 anos, mataría a súa muller cun coitelo e despois suicidaríase coa mesma arma.

De confirmarse este último caso, serían sete as vítimas oficiais de violencia machista no que vai de mes no Estado español. Segundo as cifras oficiais, en 2015 foron vítimas do feminicidio un total de 57 mulleres. Hai aínda cinco casos en investigación.