Xustiza

Detido un home pola súa suposta vinculación co crime da maleta de Vigo

Lugar no que se atopou a maleta co cadáver da vítima, na contorna de Balaídos, en Vigo. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
A Policía cre que o home convivira coa vítima nun cuarto alugado nunha vivenda compartida na que acharon indicios do posíbel crime.

A Policía Nacional detivo na mañá desta sexta feira un home pola súa presunta vinculación co cadáver que apareceu a semana pasada dentro dunha maleta tirada na rúa Espedrigada de Vigo. Iso despois de que esta semana a Policía buscase un home que convivira coa vítima nun piso de aluguer por habitacións situado a escasos metros de onde apareceu o corpo.

Segundo fontes coñecedoras da investigación, o home alugaría unha habitación dentro deste inmóbel para vivir coa súa parella. El deixaría o cuarto no mes de setembro, mentres que a ela, duns 60 anos e de nacionalidade española, xa se lle perdera a pista meses antes. Por iso, os axentes realizaron un rexistro do devandito piso, situado á altura do número 83 da rúa Fragoso da cidade olívica. Alí atoparon indicios nun colchón que poderían evidenciar que alí ocorrería un feito violento.

A partir de aí, comezou a procura para tratar de localizar o paradoiro do home que alugara o cuarto xunto á muller, cuxas características serían compatíbeis co corpo achado na maleta. Por outra parte, a Policía continúa coas xestións para tratar de identificar o cadáver a través de varios métodos, tanto polo seu ADN como pola reconstrución das pegadas, xa que foi atopado en avanzado estado de descomposición.

A investigación comezou despois de que o cadáver dunha muller aparecese dentro dunha maleta a semana pasada en Vigo. Dita maleta foi achada por un repartidor na tarde da quinta feira, nun solar cheo de maleza, e moi perto dunha vivenda, na rúa Espedrigada da cidade olívica.

Ao decatarse do mal cheiro, o traballador avisou a Emerxencias e a Policía Nacional comprobou que, no interior da maleta, que estaba envolvida por un plástico semellante ao que se utiliza para embalar as equipaxes nos aeroportos, había un corpo de muller.

O cadáver atópase en moi mal estado debido á descomposición e os investigadores cren, logo de ver as condicións do corpo e atendendo ao testemuño da veciña da vivenda próxima, que a maleta estivo alí polo menos desde o pasado mes de agosto. A autopsia realizada ao cadáver evidencia que recibiu unha puñalada mortal, o que confirma a morte homicida da vítima.