Detido un home na Pobra do Caramiñal acusado de prender lume á vivenda coa súa muller dentro

A Garda Civil investiga o sucedido como un caso de violencia machista. (Foto: Europa Press)
A vítima, que padece unha discapacidade física, tivo que ser rescatada polos servizos de emerxencia.

Un home foi arrestado esta quinta feira acusado de ser o responsábel dun incendio intencionado rexistrado durante a madrugada nunha vivenda da Pobra do Caramiñal, onde se atopaba a súa parella, que ten unha discapacidade por mobilidade e que tivo que ser rescatada polos servizos de emerxencia.

Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o home foi arrestado logo de que os servizos de extinción achasen evidencias de que o lume fora provocado, polo que os feitos están a ser investigados como un caso de violencia de xénero.

A central do 112 recibiu unha chamada arredor das 1.30 horas da madrugada desta quinta feira na que se alertaba dun incendio declarado no baixo dunha vivenda situada na Mirandela, até onde se mobilizaron os profesionais dos bombeiros e axentes da Garda Civil.

Á súa chegada, divisaron un home nas inmediacións do edificio, do que tiveron que ser rescatadas dúas mulleres. Unha delas, con problemas de mobilidade nas pernas, atopábase prostrada nunha cama e necesitou axuda para saír do baixo do inmóbel no que se orixinaron as chamas.

Alí, os equipos de extinción localizaron bombonas manipuladas e material incendiario repartido por toda a estancia, o que apunta á intencionalidade do lume. Por este motivo, a Garda Civil procedeu a deter o home, parella da muller con discapacidade, con quen residía no baixo incendiado.

Trátase dun home de 68 anos que se atopa xa en dependencias da Garda Civil de Boiro, onde foi trasladado após recibir atención sanitaria por inhalación de fume no Hospital do Barbanza.

A vítima, pola súa parte está ingresada neste hospital comarcal, ao que foi evacuada tras o seu rescate. A outra muller rescatada, propietaria da vivenda e que se atopaba no piso de arriba, saíu ilesa do incendio.