Detido un home en Lugo acusado dun delito de violencia machista

Rúa Armórica, onde se produciron os feitos denunciados. (Foto: Google / Arquivo)
A muller refuxiouse no interior dun vehículo, ao que o home tentaba acceder á vez que insultaba a vítima.

Un home foi detido esta terza feira por un suposto delito de violencia machista en Lugo despois de que varios veciños alertasen, contra as 4.40 horas da madrugada, da discusión dunha parella na vía pública, nomeadamente na rúa Armórica.

Unha vez no punto, conforme informou a Policía Local, os axentes entrevistáronse con testemuñas, que manifestaron que, tras unha discusión, a muller refuxiouse no interior dun vehículo, ao que o home tentaba acceder á vez que insultaba a vítima.

Segundo o relato policial, malia que o home chegou a arrincar a manilla dunha das portas, a presunta vítima, que manifestou que ambos eran parella, declinou o ofrecemento de asistencia sanitaria.

Os axentes procederon á detención do home, que foi trasladado a dependencias policiais para a práctica das oportunas dilixencias por un suposto delito de violencia de xénero.