Detido por suposto homicidio o fillo de 19 anos do home achado morto na súa vivenda de Muros

A Garda Civil apunta a unha machada como arma homicida. (Foto: Europa Press / Arquivo)
Veciños afirman que xa escoitaran previamente discusións no domicilio con certa frecuencia, algo que atribúen a que o mozo "tiña problemas".

Un mozo de 19 anos, con iniciais A. M. P., foi detido este sábado como presunto autor do homicidio do seu pai, J. M. B., de 59, cuxo corpo foi localizado na pasada madrugada no seu domicilio de Esteiro, no concello de Muros, con signos evidentes de ser agredido. O mozo permanece baixo custodia policial mentres continúan as dilixencias da investigación, da que se fixo cargo o Equipo da Policía Xudicial de Noia.

As autoridades están a practicar unha inspección ocular do domicilio no que se produciu o suposto homicidio e onde se rexistraron importantes desfeitas. O Servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061 confirmou a violenta morte á primeira hora deste sábado. Contra as 00.42 horas da madrugada tivo coñecemento destes feitos a central de emerxencias do 112-Galiza.

Ao lugar do suceso acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico e persoal sanitario do centro de saúde de Muros. O 061 informou posteriormente da morte do home e tamén de que fora atendido un mozo de 19 anos, o propio fillo, que foi dado de alta alí mesmo.

A arma, pendente de confirmación

Até o momento a Garda Civil non confirmou oficialmente a arma coa que se produciu a morte violenta, malia que fontes coñecedoras do caso indicaron á axencia Europa Press que se tratou dunha machada ou outro obxecto de características semellantes. A autopsia determinará con maior claridade as circunstancias concretas do falecemento.

Veciños afirmaron que na vivenda "había discusións" con relativa frecuencia

O falecido, "moi coñecido" na zona

Fontes municipais trasladaron que o home falecido era "moi coñecido" porque Esteiro é "moi pequeno" e el rexentara un bar situado, precisamente, no baixo do inmóbel no que se produciu a agresión. Na actualidade, o negocio estaba fechado.

As mesmas fontes precisaron que houbo veciños que, horas antes de que transcendese o suceso, ouviron golpes na vivenda. E que habitualmente, na mesma, había discusións, que atribúen a que o mozo tiña "problemas".