Un detido e dous investigados polas protestas contra Israel na Volta ciclista ao seu paso por Mos
Os manifestantes pro palestinos enfrontan cargos de desordes públicas, atentado e resistencia á autoridade.
A Garda Civil detivo esta terza feira un veciño de Arcade (Soutomaior, comarca de Vigo) acusado de desordes públicas e atentado á autoridade durante as protestas decorridas o 9 de setembro ao paso da Volta ciclista polo concello de Mos (comarca de Vigo). Outros dous homes, un tamén de Arcade e outro de Ourense, están sendo investigados polos mesmos feitos.
As protestas decorreron na parroquia de Herville, no tramo final da etapa que partira de Poio (comarca de Pontevedra) e que debía rematar no alto de San Cosme. As protestas pro palestinas derivaron en momentos de tensión coas forzas de seguridade, con bloqueos da estrada, cargas policiais e numerosas identificacións. A organización da Volta decidiu daquela neutralizar a etapa oito quilómetros antes da meta por "motivos de seguridade".
Durante aquela xornada, centos de persoas portaron bandeiras de Palestina e corearon consignas en contra da participación do equipo Israel-Premier Tech, no marco dunha campaña internacional de boicot.
Segundo fontes oficiais, o detido e os investigados enfrontan cargos de desordes públicas, atentado e resistencia á autoridade.
Comunicado da Pedreira
Tras a detención, o Centro Social A Pedreira emitiu un comunicado no que denuncia o arresto dun dos seus integrantes, no calabozo á espera de declarar. O colectivo afirma que a única "culpa" do mozo foi protestar contra a presenza da escuadra israelí na Volta "en solidariedade coa Palestina".
No texto, o centro social asegura que non recoñece "ningunha lexitimidade á xustiza española", á que cualifica de "instrumento fascista ao servizo da represión", e vincula a súa actuación coa "violencia histórica contra o pobo galego".
Tamén cargan contra a criminalización da protesta: "Chámanlle desordes públicas a levantar a voz contra o xenocidio do pobo palestino, chámanlle atentado á autoridade a non baixar a cabeza perante a ocupación militar de Gaza polo Estado sionista de Israel".
Finalmente, A Pedreira reafirma que "a solidariedade é imparábel" e chama a responder "con máis organización, compromiso e firmeza" fronte á represión: "Poden prender corpos, pero non van prender ideas".