Detido un home nun local da Coruña por presunta agresión sexual

'Los Cantones Village', na Coruña. (Foto: Google Maps)
Os feitos denunciados sucederon na madrugada do domingo no complexo de lecer 'Los Cantones Village'.

A Policía Nacional da Coruña detivo na madrugada do pasado domingo, día 29, un home que presuntamente agrediu sexualmente unha muller nun local situado no complexo de lecer Los Cantones Village, situado na cidade herculina. O arrestado previsibelmente pasará esta terza feira a disposición xudicial.

Así o veñen de confirmar fontes próximas á investigación consultadas por Europa Press. Segundo as mesmas, os feitos sucederon entre as 4 e as 7 horas. Supostamente, o home realizou tocamentos á denunciante sen o seu consentimento e tentou bicala na boca cando ambos estaban nun pub da zona.

A detención produciuse logo de que os porteiros do estabelecemento tivesen que intervir ante o suceso e alertasen as autoridades. O acusado foi conducido ás dependencias da Policía Nacional en Lonzas, onde permanece á espera de pasar a disposición xudicial como suposto autor dun delito de agresión sexual.

A Unidade de Atención á Familia e Muller (UFAM) está a investigar o sucedido e, previsibelmente, o arrestado non pasará a disposición xudicial nesta xornada debido a que "quedan declaracións aínda por tomar" e si o fará esta terza feira, día 31, segundo precisaron as mesmas fontes.