Detido en Cee o líder dunha organización de tráfico de drogas buscado pola Interpol

O momento no que o home é detido por dous axentes. (Foto: Policía Nacional)

O home, que lideraba a venda desta banda en Turquía até que foi desarticulada en 2006, considérase “perigoso”. A investigación da Policía Nacional levou varios meses.

A Policía Nacional comunicou esta terza feira a detención dun home por tráfico de drogas na localidade de Cee. O arrestado era líder dunha organización criminal que se dedicaba á venta de estupefacientes en Turquía no ano 2006.

A Interpol levaba anos procurando a este “perigoso” delincuente e o seu arresto estivo precedido de “varios meses de investigación”.

A rede de tráfico de drogas fora desarticulada en 2006, o que impulsou ataques armados entre distintas organizacións.

Nos inmobles da banda se incautaron un kalashnikov, unha granada de man, armas automáticas e drogas.

Após a fuga do dirixente da banda, a oficina da Interpol en Estambul emitiu unha orde internacional de arresto.

O home foi detido en Cee e tras o seu pase a disposición xudicial decretouse o ingreso en prisión. Dada a “perigosidade” deste delincuente, o operativo decorreu coa colaboración do Grupo de Operacións Especiais (GOES) da Xefatura Superior de Policía da Galiza.

A investigación foi feita polo Grupo de Delincuencia Organizada e Violenta, UDEV, da Brigada Provincial da Policía Xudicial da Coruña.