Detidas cinco persoas en Ourense nun operativo contra o tráfico de drogas no que se desmantelou unha 'narcocasa'

Materiais comisados no rexistro. (Foto: Europa Press)

Os acusados converteran a casa nun auténtico 'bunker', segundo a Policía, xa que contaba con fortes medidas de seguridade e unha permanente vixilancia do exterior.

A Policía Nacional vén de executar un operativo contra o tráfico de drogas que se saldou con catro homes e unha muller detidos —varios deles con antecedentes— e co desmantelamento dunha 'narcocasa' que os investigados utilizaban supostamente para a venda de estupefacientes e onde tamén os compradores consumían a droga.

Segundo fontes policiais, o operativo decorreu a pasada terza feira, cando foron detidos os cinco sospeitosos, tres eles con antecedentes tamén por tráfico de drogas. A investigación deriva doutras dúas operacións policiais levadas a cabo nos meses de xullo e decembro do pasado ano.

No marco das actuacións, produciuse a entrada e rexistro de dous domicilios. Un deles é unha vivenda situada na zona de Eiroas, que era utilizada como 'narcocasa'. Nela vendíanse, principalmente, cocaína e heroína, e tamén era utilizada para o consumo da droga.

Os acusados converteran a casa nun auténtico 'bunker', segundo detallou a Policía, xa que contaba con fortes medidas de seguridade, portas blindadas, barras de ferro e ferros metálicos nas xanelas, reixas e unha permanente vixilancia do exterior.

O outro domicilio rexistrado, na Estrada da Granxa, empregábase como 'zulo' e era onde os investigados almacenaban a droga, que ían retirando en pequenas cantidades a diario para transportar até o punto de venda en Eiroas.

Os detidos e as dilixencias practicadas serán postos a disposición do xulgado de instrución esta quinta feira mentres as autoridades continúan coa investigación.