Detidas tres persoas en Cangas acusadas de incitar "ao odio" nas redes sociais

Operación Tarántula

A operación despregada pola Garda Civil baséase en contidos publicados en Twitter e Facebook. Entre elas, o concelleiro de Alternativa Canguesa de Esquerdas-SON, Andrés Garcia. 

O Ministerio do Interior informou esta cuarta feira (13 de xullo) da detención de tres persoas en Cangas acusadas de difundir nas redes sociais "publicacións de contido violento nas que se incitaba de forma clara e directa ao odio e a violencia contra persoas relacionadas, fundamentalmente, co ámbito político das distintas administracións públicas, vítimas do terrorismo e contras as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado", de acordo co comunicado difundido por Interior. 

No concreto trátase de Andrés García, concelleiro de Alternativa Canguesa de Esquerdas, segundo confirmaron fontes da organización a Sermos Galiza; B.L.P., de 26, e A.C.R., de 26. A Frente Popular Galega (FPG), unha das formación que fai parte de ACE Son, expresou nas redes sociais o seu apoio para coas persoas detidas ao tempo que denunciaba unha acción propia dun 'Estado totalitario'.

A operación despregada pola Garda Civil foi alcumada 'Operación Tarántula' e foi desenvolvida coa coordenación da fiscalía delegada para delitos de odio e o Grupo de Información da Comandancia de Pontevedra, apoiado desde o Servizo de Información do instituto armado en Madrid. O caso está sendo levado polo Xulgado de Instrución número 3 de Cangas.

A Garda Civil difundiu un vídeo con imaxes dos chíos publicados e da detención dunha das persoas. 

Concentración de solidariedade

Non existe coherencia no feito de deter a mozas e mozos que se expresan con liberdade

Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE-Son) organización da que fai parte e pola que é concelleiro de Mocidade en Cangas un dos detidos, Andrés García, vén de facer público un comunicado no que amosa a súa solidariedade coas tres persoas apresada na Operación Trarántula. Un operativo, din, que reflite "un índice de infelicidade e represión" pois, acrecentan, "non existe coherencia no feito de deter a mozas e mozos que se expresan con liberdade, baixo nomes pantasma como “Operación Tarántula” en lugar de lles garantir un traballo e una vida digna". 

Así mesmo, continúan, "apuntamos directamente ao ministro Fernández Díaz como máximo responsable das represalias, non esquecemos que el é un presunto 
delincuente, o mesmo que quere chegar ata o final co seu ideario franquista e ditador". Aliás, entenden que o obxectivo da detención é "amedrentar" mais achan que lles "vai saír mal pois a cidadanía democrática non vai permitir un pais no que non exista nin a liberdade nin a vida digna". 

Para esta cuarta feira ás 21 horas foi convocada unha concentración de apoio diante do Concello de Cangas.