Detidas dúas persoas en Arteixo e Vimianzo pola súa presunta relación co Daesh

A operación desenvolveuse baixo a dirección da AN.

Os arrestados tiveron relación, segundo Interior, cun autor dos atentados de París de novembro de 2015.

Dúas persoas foron detidas en Arteixo e no lugar de Tufións (Vimianzo) pala súa presunta vinculación co Daesh, o Estado Islámico. As detencións, canda outras dúas realizadas en Andalucía, foron realizadas pola Garda Civil baixo dirección da Audiencia Nacional, que considera que estas dúas persoas fan parte da 'rota de refuxiados sirios' entre Turquía e a Unión Europea.

Segundo as fontes policiais, esta rede foi responsábel dos desembarco o 3 de outubro de 2015 de 200 refuxiados na illa de Leros, un paso polo que a través deste entramado accederon a Europa dous terroristas do Daesh detidos posteriormente en Austria.

Os detidos neste operativo que se desenvolveu en Galiza e Almería estiveron en contacto, mantén Interior, cun dos terroristas que participou nos atentados de París do pasado 13 de novembro e nos que 130 persoas foron asasinadas. Os arrestados mantiveron contacto con ese terrorista, que sería detido en Austria, antes e despois do atentado.