Detida en Ponferrada a independentista María Osório, á que lle esperan sete anos de cadea

A militante independentista anunciara publicamente hai unha semana que "non ía chamar á porta de ningunha prisión" durante un acto de apoio no que participou por videoconferencia entre un grande operativo policial.

A Garda Civil detivo esta noite en Ponferrada (O Bierzo) á independentista María Osório López, sobre quen pesa unha orde de ingreso en prisión ao ser condenada a 7 anos, 9 meses e 1 día de prisión por "pertenza a organización terrorista" (Resistencia Galega) e falsificación de documento público, informou o Ministerio de Interior. A organización de apoio a pres@s galeg@s Ceivar di non saber nada do seu paradoiro actual e convocou concentracións de repulsa á detención para esta segunda-feira, ás 20:30 horas en todas as cidades e algunhas vilas.

O pasado sábado, nun acto realizado na Gentalha do Pichel en Santiago, María Osório participou nunha videoconferencia pública na que expresou a súa intención de non presentarse de xeito voluntario para cumprir a condena e "loitar pola súa liberdade desde a clandestinidade". "Non chamarei á porta de ningunha prisión para que me deteñan por loitar para vivir en dignidade", avisou. O acto estivo acompañado dun inmenso despregamento policial, que identificou a vari@s independentistas pero non puido conseguir o seu obxectivo de deter á fugada.

Osório permanecía en busca pola Policía desde o pasado 12 de maio por orde xudicial despois de que a sentenza da Audiencia Nacional fose feita firme polo Tribunal Supremo.