Detido un coruñés de 21 anos polo acoitelamento mortal de Yoel Quispe na Coruña

Familiares e amizades despediron a Yoel esta cuarta feira no cemiterio coruñés de Feáns. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A operación continúa aberta e non se descartan novos arrestos.

Unha persoa foi detida nas últimas horas polo acoitelamento mortal de Yoel Quispe, o mozo de 22 anos falecido na madrugada do día de Noiteboa na Coruña. Así o notificaron fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press, que sinalaron que se trata dun mozo detido no marco dunha operación que segue aberta e na que non se descartan máis arrestos. Desde a Delegación do Goberno estatal na Galiza precisaron posteriormente que é un coruñés de 21 anos.

Da investigación fíxose cargo o equipo a Unidade de Delincuencia Organizada e Violenta (UDEV) do Corpo Nacional de Policía, o mesmo equipo que se encargou do caso de Samuel Luiz, falecido após unha brutal malleira, en xullo de 2021, no paseo marítimo coruñés.

Para reclamar xustiza e en lembranza do seu achegado e coñecido, houbo no día de Nadal unha concentración no mesmo lugar no que se produciu o apuñalamento, no inicio da rúa Sinfónica da Galiza, en confluencia con Juan Flórez.

Xa no enterro, esta cuarta feira, numerosas persoas que acudiron ao cemiterio de Feáns asistiron con silencio, caras de tristeza e visíbeis mostras de dor a despedir a Yoel, un mozo galego de orixe peruana.

Do sucedido, o servizo de emerxencias 112 tivo constancia após chamar un particular, sobre as 6.35 horas do día de Noiteboa, informando de que vira o home apuñalado. Ao lugar desprazáronse servizos de Urxencias Sanitarias-061 e efectivos da Policía Local e da Nacional. O mozo recibiu dúas coiteladas, unha no abdome e outra no corazón, que lle provocaron a morte, durante unha suposta pelexa.