Detida unha cuarta persoa en relación coa malleira mortal a Samuel

Unha imaxe do mozo Samuel Luiz. (Foto: Cedida)
Trátase dun veciño da Coruña e amigo das tres persoas detidas a pasada terza feira, e con idade similar a elas: entre 20 e 25 anos. Os tres primeiros detidos pasarán esta sexta feira a disposición xudicial.

A Delegación do Goberno español na Galiza informa da detención durante a pasada noite dunha cuarta persoa como suposta autora da agresión mortal a Samuel Luiz. O cuarto detido é un home amigo dos tres detidos a pasada terza feira e que tampouco coñecía á vítima, indica Delegación .

Veciño da Coruña, ten unha idade similar ás tres persoas detidas previamente, de entre 20 e 25 anos. Esta detención foi froito da información obtida pola Policía nas testificais realizadas durante a cuarta feira.

Ao detido impútaselle un delito de homicidio, como aos outros tres detidos, e no seu caso ademais de apropiación indebida ao quedar, supostamente, co móbil da vítima

Ao detido impútaselle un delito de homicidio, como aos outros tres detidos, e no seu caso ademais de apropiación indebida ao quedar, supostamente, co móbil da vítima. A ningunha das catro persoas detidas até o momento cónstanlle antecedentes. 

A investigación segue aberta e baixo segredo de sumario por orde do xulgado de instrución número 8 da Coruña. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), "en principio" non está previsto que os detidos pasen esta quinta feira a disposición xudicial.

De todos os modos, segundo informa a Delegación do Goberno, a Policía española segue traballando nas probas testificais e no visionado de imaxes, o que podería levar a novas detencións. Así mesmo, indica que "todas as liñas de investigación continúan abertas".

Até o de agora sabíase que había 15 persoas vinculadas dalgún modo a este crime. Todas foron interrogadas nas dependencias de Lonzas en relación á súa posíbel participación na malleira mortal a Samuel Luiz que, segundo as súas amizades, tivo un agravante LGTBifóbico, pois segundo as testemuñas os agresores agresores repetían, unha e outra vez, “maricón, imos matarte”, “maricón de merda, ímoste matar”.