Denuncia das edís de Por Chantada

O deterioro patrimonial na capela de Monte Faro

A capela do Monte Faro rodeada por solo de pedra serrada. Foto: Por Chantada.
“Por fases e sen consecuencias” sucede a “degradación” dos elementos patrimoniais da capela do Monte Faro, entre Chantada e Rodeiro. Denúnciana as dúas edís de Por Chantada nun documentado escrito que veñen de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

“Observamos as seguintes alteracións, algunhas irreversíbeis”, sinala o documento, “que desfiguran ou fixeron perder para sempre elementos patrimoniais nunha capela que é das máximas expresións da relixiosidade popular das comarcas de Chantada e Camba”. Enmarcan varias delas na “urbanización de espazos rurais” que, a maiores no caso do Faro, están protexidos como Lugar de Interese Comunitario (LIC), Rede Natura e futura Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra.

Máis en concreto, Antom Fente e Cruz Fernández critican o movemento macizo de terras e a instalación dun zócolo, que definen como “beirarrúa de pedra lousada, continuando con actuacións de urbanización de espazos rurais”. Ademais, retirouse “o derradeiro claustro/corredor do século XVIII”, que era o acceso á cafúa, “onde se gardaban as ofertas dos fieis”.

O solo con pedra serrada “colocado hai tempo sen licenza sobre o chan orixinal”, os caleiros de zinc “sen integración estética coa contorna e que xamais se autorizarían a particulares nas parroquias atinxidas polo LIC Monte Faro”, o uso de uralita por baixo do tellado ou as xanelas de aluminio” converteron a capela, ao ver de Por Chantada, “nunha construción que semella unha casa do rural arranxada por fases e desde o ti vai facendo”.

Os concelleiros cren que se trata “dun caso claro de inhibición das propias competencias” de Patrimonio e por iso solicitan unha resposta oficial, copia das autorizacións e información sobre “actuacións pasadas e previstas”.

“Queremos pór de relevo a continuada merma de elementos do patrimonio no Concello de Chantada e a máis absoluta inacción dos poderes públicos”, resume o escrito, quen apunta ademais á “incoherencia” entre o deterioro da realidade patrimonial e a impunidade con que sucede e os instrumentos e figuras de protección oficiais.

 

Nota: imaxes da capela de Monte Faro en que se observan xanelas de aluminio e caleiras de zinc. Fotos: Por Chantada.