Deteñen un mozo e investigan 14 máis por unha liorta nas festas de Oleiros

Actuación da Policía Local nunha imaxe de arquivo (Foto: Nós Diario).
Os feitos aconteceron nas festas patronais de agosto.

A Garda Civil, en colaboración coa Policía Local, detivo un mozo e investigou 14 máis por unha agresión grupal nas festas de Oleiros (comarca da Coruña) o pasado 23 de agosto.

Segundo informou o Instituto Armado, os feitos sucederon durante as festas patronais do municipio, na zona onde estaba instalado o bar. Alí, un grupo dunhas 30 persoas iniciaron unha liorta "xerando gran alarma social".

Os axentes abriron unha investigación en relación a este incidente coas declaracións das vítimas e das testemuñas. Deste modo, estabeleceron a participación de 15 mozos, o que ocasionou a investigación de 14 dos implicados e a detención dun deles como presunto autor de tres delitos de lesión.

Os investigados son veciños da Coruña e teñen idades comprendidas entre os 15 e os 19 anos, tres deles menores de idade. Ademais, finalizada a investigación, descartan que se tratase dunha liorta entre bandas xuvenís.