Deteñen a parella da muller asasinada en Narón

Concentración en Compostela contra o último feminicidio. Imaxe: GalizaContrainfo
A policía española arrestou na madrugada desta terza feira o mozo da última morta por terrorismo machista, unha moza de 28 anos

A policía española arrestou na madrugada desta terza feira o mozo da última morta por terrorismo machista, unha moza de 28 anos. A muller denunciara en repetidas ocasións que se atopaba en situación de violencia machista, e sinalou a quen fora a súa parella como autor de varias ameazas.

O home atopábase en liberdade con cargos, mais pola súa vinculación con varios delitos de tráfico de drogas. Segundo confirmou o delegado do Goberno español en Galiza, Samuel Juárez, pesaba sobre el unha orde de afastamento que lle impedía comunicarse coa muller e achegarse a ela a menos de 200 metros. Porén, esta segunda feira --día mesmo no que entraba en vigor a orde de afastamento, que xa lles fora comunicada ás partes-- Iria García recibiu unha coitelada no pescozo ao mediodía e en plena rúa, en Narón. Faleceu no lugar dos feitos. Juárez defendeu o protocolo de actuación: "fíxose o que había que facer. Non hai nada que nos faga pensar que houbo un problema no funcionamento do sistema".

O Concello convocou para esta terza un pleno extraordinario en que se decretará unha xornada de loito, e unha concentración ás 12.30 horas. Pola súa banda, en Compostela, a Rede Feminista Galega chama a toda a cidadanía a se concentraren na Porta do Camiño ás 20.30 horas, segundo a convocatoria permanente fixada para o día seguinte de se coñecer o caso de asasinato feminicida ''para combater a normalización social da violencia que é exercida contra nós, e a normalización da nosa eliminación física''. Iria é a terceira galega asasinada no que vai de ano. En marzo o marido asasinou a Julia L., de 65 anos, en Vilardevós, e despois suicidouse. En abril mataron a Juventina C., de 74 anos, que vivía emigrada en Madrid.