Un detector galego de raios cósmicos na Antártida

Base na Antártida.

Este dispositivo, xa en funcionamento, está no observatorio da base científica “Juan Carlos I”, na Isla Livingston da Antártida e medirá con precisión electróns e muóns para estudar a actividade solar e as condicións da atmosfera terrestre.

Investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolven e instalan un detector de raios cósmicos no observatorio ORCA da base científica “Juan Carlos I”, na Isla Livingston da Antártida. Este dispositivo, xa en funcionamento, medirá con precisión electróns e muóns para estudar a actividade solar e as condicións da atmosfera terrestre.

Avanzouse moito na comprensión da orixe e natureza dos raios cósmicos desde que o físico austriaco Victor Hess os descubrise en 1912, empregando un globo aerostático a 5.300 metros de altura. Todas estas partículas son núcleos de hidróxeno e de todos os elementos da táboa periódica, aínda que as causas polas que adquiren enerxías moi superiores ás conseguidas polos aceleradores máis potentes non son do todo coñecidas. O mesmo ocorre á hora de determinar a súa orixe; é practicamente imposíbel, salvo para as partículas de enerxías máis altas.

Tamén hai raios cósmicos de baixa enerxía procedentes do Sol, que compoñen o coñecido vento solar. A súa intensidade crece coa actividade solar e os seus efectos sobre os sistemas de comunicacións e de posicionamento global como o GPS e outros dispositivos electrónicos en forma de tormenta magnética poden ser desastrosos. Por iso é fundamental mellorar as técnicas de detección temperá dos devanditos eventos para previr no posible o seu impacto.

Con este propósito, un equipo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago (USC) desenvolveu un detector de raios cósmicos que foi finalmente instalado na base científica “Juan Carlos I”, na Antártida. Despois do seu traslado no Buque de Investigacións Oceanográficas “Hespérides”, o equipo finalizou a posta en marcha de TRISTAN (un detector) o pasado mes de decembro como parte do Observatorio Antártico de Raios Cósmicos (ORCA), onde recompilará datos ata a chegada do verán austral en marzo. Con eles, analizarase a actividade solar e estudarase o efecto do campo magnético terrestre sobre a propagación dos raios cósmicos.

A expedición á Antártida comezou en novembro do 2019 cando o investigador do IGFAE e profesor da USC, Juan A. Garzón, e o estudante de doutoramento, Damián García Castro, partiron a Cartaxena para a montaxe do detector TRISTAN a bordo do “Hespérides”.