Saúde

Este pioneiro método permitirá detectar a consciencia en pacientes en estado vexetativo

Detectar que pacientes son conscientes é moi importante para levar a cabo un tratamento e unha rehabilitación eficaces e personalizados. (Foto: Nós Diario)
Un de cada cinco pacientes que se atopan en estado vexetativo está consciente, "aínda que non é fácil detectalo porque ningún deles responde a un estímulo externo", apunta Franciso José Esteban, un dos investigadores da Universidade de Xaén que desenvolveu o proxecto.

Investigadores do grupo de Organismos e Sistemas Complexos da Universidade de Xaén (UJA) están a desenvolver un novo método para detectar a consciencia en persoas que se atopan en estado vexetativo —estado de vixilia sen resposta—. O obxectivo é desenvolver unha ferramenta clínica que permita recoñecer pacientes que, aínda non respondendo a estímulos externos, son conscientes do que sucede ao seu redor e teñen máis posibilidades de saír do estado vexetativo, para así pór en marcha terapias e tratamentos que axuden a recuperar a súa consciencia.

O investigador de Bioloxía Celular da UJA e membro deste grupo Francisco José Esteban precisou, nunha nota informativa, que un de cada cinco pacientes que se atopan en estado vexetativo está consciente, "aínda que non é fácil detectalo porque ningún deles responde a un estímulo externo".

Esta nova metodoloxía analiza as imaxes de resonancia magnética funcional das persoas doentes para detectar estes casos concretos. O experto destacou que "detectar que pacientes son conscientes é moi importante para levar a cabo un tratamento e unha rehabilitación eficaces e personalizados, pois aumenta a probabilidade de que saian dese estado".

O seguinte paso é facer un ensaio clínico aumentando o número de pacientes para validar o proceso

A investigación foi desenvolta en colaboración cos hospitais de Liexa (Bélxica) e París (Francia), así como con matemáticos e físicos de Sevilla e Barcelona. Até a data realizáronse probas en perto de 150 pacientes destes centros sanitarios para estudar o funcionamento da nova metodoloxía. Francisco J. Esteban subliñou que o seguinte paso é aumentar o número de pacientes e facer un ensaio clínico multicéntrico para validar todo o proceso.

O experto da UJA engadiu que esta metodoloxía é máis eficaz que os métodos que hai na actualidade, que analizan os electroencefalogramas para detectar os pacientes que teñen consciencia. "Os métodos actuais necesitan provocar unha estimulación magnética transcraneal no paciente para medir a resposta do cerebro a través do electroencefalograma", relatou o experto, de maneira que a nova metodoloxía é "máis sinxela e menos custosa que os procedementos actuais".

O investigador da UJA Francisco J. Esteban.

O obxectivo do grupo da UJA é desenvolver e validar este novo método para a utilizalo en hospitais, recoñecer doentes en estado vexetativo que son conscientes e poder aplicar os tratamentos e terapias necesarios para que se recuperen. Francisco J. Esteban recalca que é, aliás, unha "cuestión moral e humana", xa que se trata de pacientes que sen poder responder a un estímulo son conscientes do que sucede na súa contorna.

Son moitas as razóns, dixo o biólogo, que poden provocar o estado vexetativo, como un traumatismo, un accidente cerebrovascular, un tumor, unha intoxicación ou unha enfermidade, e aclara que é un estado diferente ao estado de coma. "Desde un punto de vista clínico, un paciente atópase en estado de coma cando parece durmido e non abre os ollos en ningún momento; con todo, dise que a persoa está en estado vexetativo se nalgún momento do día abre os ollos e parece esperta, aínda que non reaccione a ningún estímulo externo", matizou o experto, que incidiu tamén en que "resulta menos despectivo falar dun estado de vixilia sen resposta en lugar de estado vexetativo".

Coma, vixilia sen resposta (vexetativo) e mínima consciencia son os tres estados agrupados nos chamados trastornos da consciencia

O estado de vixilia sen resposta adoita producirse despois do coma e é menos grave. Se, ademais, o paciente mostra algún tipo de interacción coa contorna considérase que está nun estado de mínima consciencia, o cal pode ser moi variábel. Estes tres estados —coma, vixilia sen resposta e de mínima consciencia— agrúpanse nos chamados trastornos da consciencia. A metodoloxía desenvolvida polos investigadores da UJA identifica precisamente, a través da imaxe de resonancia magnética funcional do paciente, o estado da súa consciencia.