Detectan por primeira vez as ondas gravitacionais, previstas por Einstein hai 100 anos

A súa existencia, que deforma o 'tecido' do espazo-tempo, era a derradeira previsión por confirmar da Teoría da Relatividade xeral.

A colaboración científica internacional LIGO (Laser Interferometer Gravitational-Wave Observatory) anunciou nos Estados Unidos esta quinta feira que, por primera vez, detectaran directamente as ondas gravitacionais. Teorizadas por Albert Einstein hai cen anos, estas ondas son producidas polos eventos astronómicos máis violentos do cosmos. Así como guindar á auga unha pedra produce ondiñas que deforman a superficie da auga, as ondas gravitacionais deforman o “tecido” espazo-tempo (e, así, os obxectos que atravesan) ao se propagar polo universo á velocidade da liz. Foi esa deformación física, dunha milésima de diámetro dun protón, o que foi visto polos instrumentos de LIGO.

As ondas detectadas foron emitidas pola colisión de dous buratos negros con perto de 30 veces a masa do noso sol. Cómpre lembrar que en 2014 outra colaboración científica, Bicep2 (un observatorio no Polo Sur) anunciara a detección destas ondas gravitacionais promordiais, que serían emitidas polo maior cataclismo, o 'Big Bang'. Mais fora grave erro de cálculo.

Porén, desta vez todo parece indicar que a detección pon fin ás dúbidas en torno á centenaria previsión de Einstein. É o achado dun novo camiño na astronomía. Até agora esta centrouse na luz en todas as súas variantes coñecidas, mais estas ondas son comparábeis ao son e permiten estudar obxectos que eran invisíbeis até o de agora, nomeadamente os buratos negros.