Detectan novos focos de coronavirus en catro granxas de visóns

Varios visóns nas xaulas nas que os manteñen. (Foto: Europa Press)
Os colectivos ecoloxistas levan meses advertindo do risco epidemiolóxico destas instalacións e pedindo o seu fechamento, mais de momento non houbo cambios na Galiza. Nos últimos meses transcenderon sete surtos.

A Xunta da Galiza vén de comunicar catro novos focos da Covid-19 en outras tantas explotacións de cría de visóns para a industria peleteira. Transcendeu que os episodios do virus foron detectados en dúas granxas de Bergondo, unha de Compostela e unha da Baña.

O Goberno galego informou ao Ministerio de Agricultura de que nun dos negocios de Abegondo hai 5.555 animais, dos que de momento dez están contaxiados. Na outra instalación, de 5.310 visóns hai dous infectados, pero hai análises en marcha.

En Compostela tamén se contabilizaron dous exemplares con coronavirus dun censo de preto de 20.000 e, no caso da Baña, houbo catro positivos entre 6.500 animais.

Este novo foco implica que só nos últimos meses decorreran sete situacións de contaxio nestas macrogranxas -hai 25 con 71.479 reprodutoras no país, que é un dos territorios con máis sobrecarga desta industria no Estado español ao ter as tres cuartas partes do sector-, de cuxo perigo veñen alertando as asociacións ecoloxistas e animalistas desde hai varios meses. Antes foron A Baña, Compostela e Carral.

Neste sentido, teñen sinalado o perigo de expansión da pandemia que hai a través desta especie, xa non só no caso de que escapen (suceso que se ten producido nalgunhas ocasións puntuais na Galiza).

De feito, en casos anteriores como o da Baña, que fora o primeiro gromo, foi preciso sacrificar a 3.100 animais (a totalidade dos que había na granxa) para evitar a expansión incontrolada da enfermidade.

Medio Rural non atopa relación

Agora está previsto que expertas e expertos da Consellaría do Medio Rural analicen as cepas pero “non existen evidencias de relación epidemiolóxica entre os catro focos, descartando” desta maneira o paso “do virus desde unhas granxas a outras por ningunha vía animal ou ambiental”.

Aínda así, as entidades contrarias seguen demandando o fechamento destas empresas. A Fundación Franz Weber mesmo amosou a súa preocupación pola concentración de macrogranxas en Bergondo, xa que hai media ducia delas.