Detectan un novo foco do coronavirus nunha granxa de visóns de Curtis

Dous visóns americanos nunha xaula. (Foto: WWF)
Con esa notificación, Galiza xa chegou aos doce surtos que transcenderon neste tipo de instalacións, cuxa perigosidade para o contaxio a maior escala é unha denuncia habitual das organizacións ecoloxistas e animalistas.

A quinta onda da Covid-19 está de retirada, cunha boa evolución epidemiolóxica á baixa nos contaxios, se ben aínda aparecen algúns surtos. O último, no entanto, foi nun lugar menos habitual pero que tamén foi protagonista desde que a pandemia se deixou notar na Galiza: unha granxa de visóns.

O último gromo do virus que transcendeu nunha destas instalacións está activo na localidade de Curtis, nunha explotación con 11.600 animais (8.500 crías e 3.100 exemplares dedicados á reprodución), na que se detectaron xa catro casos positivos.

A Consellaría de Medio Rural xa ordenou a inmobilización de todos os exemplares. Esta nova alerta implica que no que vai de crise sanitaria no país aparecen unha ducia de focos en macrogranxas para a industria peleteira, algo do que veñen alertando as entidades ecoloxistas e animalistas hai meses.

Desde o principio estes colectivos reclamaron o fechamento das empresas, non unicamente polo virus, pero si advertindo de que os visóns poden ser un punto de transmisión cara ás persoas. De feito, das 25 industrias que existen na Galiza, case a metade estiveron vixiadas por positivos por coronavirus nos animais.

Con 71.479 reprodutoras, o país é onde máis forte é este sector e máis volume de negocio consegue dentro do Estado español. Tres cuartas partes das granxas de todo o territorio están na Galiza.

Evolución da Covid-19 nestes espazos

O primeiro foco detectouse en xaneiro deste ano nunha granxa da Baña, onde foron sacrificados os seus 3.100 visóns. O segundo localizado foi en febreiro en Compostela.

Desde xuño disparáronse os casos, con oitos brotes en pouco máis dun mes: Carral, Santiago, Abegondo (2), A Baña, Oza-Cesuras, Negreira e Sobrado dos Monxes. Posteriormente, produciuse un foco en Abegondo en agosto e agora este de Curtis.