Reclaman "coordinación"

Os tres reitores galegos apuntan á nova Lei de Universidades como o primero reto do ministerio

Os tres reitores participaron onte nun acto en Compostela. (Europa Press)
Os reitores das tres universidades galegas coincidiron onte en sinalar que a coordinación será o elemento chave de traballo do novo Ministerio de Universidades. Segundo consideran os máximos responsábeis da institución académica en Compostela, A Coruña e Vigo, o ministerio deberá enfrontar como "primeiro reto" a posibilidade de sacar adiante unha nova lei orgánica para estas institucións que actualice a existente.

Os tres reitores participaron onte nun acto en Compostela xunto coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para informar sobre programas universitarios para maiores. Segundo apuntaron, unhas 3.000 persoas de máis de 65 anos, "maioritariamente mulleres", participan anualmente nos programas de educación regrada ofertados polas universidades. 

A preguntas dos medios tras este acto, o reitor da  Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, explicou que o punto central para este novo ministerio será sacar adiante esa nova lei orgánica de universidades, para o que será necesario "chegar a acordos" con outros partidos fóra do Goberno en aras de alcanzar a maioría suficiente. "Debería poñerse desde o minuto un a tecer as alianzas para esa nova lei", considerou Reigosa, en referencia ao ministro Manuel Castells.

Os reitores apuntan cara á renovación legal nos deberes que ten por diante o novo Goberno, con aspectos que van desde o financiamento dos centros aos "problemas de renovación" do persoal. "O reto é a nova lei de universidades e iso precisa de coordinación e acordos", manifestou, na mesma liña, o reitor da USC, Antonio López, mentres que o responsábel da UDC, Julio Abalde, incidiu en cuestións como a regulación do persoal docente e investigador, o decreto de bolsas ou o regulamento disciplinario dos estudantes. "Hai moita normativa que ten que ser actualizada", indicou.

A ollos dos tres reitores galegos,  a separación do Ministerio de Universidades do de Ciencia, adoptado polo novo Goberno central, requirirá "diálogo e coordinación", aínda que, segundo advertiu Antonio López, "as políticas son máis importantes que as estruturas de Goberno".

Reigosa cualificou a decisión de separar os dous departamentos como "heterodoxa", despois de que a Conferencia de Reitores e Reitoras teñan amosado o seu rexeitamento.

O reitor da Coruña, pola súa banda, recoñeceu que foi "un avance" cando, no seu momento, se uniu o departamento de Universidades co de Ciencia no Goberno. "Mais que agora se separen non ten por que ser un problema", subliñou. "O importante é que se coordinen", engadiu. Neste sentido, Abalde lembrou tamén que o diálogo para as necesidades de investigación do sistema universitario non deberá estabelecerse unicamente co Ministerio de Ciencia, senón que precisará de contactos con outros departamentos, como Educación ou Sanidade.