Detectan unha vertedura de gasóleo no Lérez

O río Lérez, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
O Concello de Pontevedra explica que as condicións meteorolóxicas fixeron imposíbel conter a manha, que se expandiu entre a ponte de Santiago e a da Barca.

O persoal do Concello de Pontevedra advertiu esta cuarta feira da aparición dunha vertedura no río Lérez, perto da praza de abastos. A meteoroloxía fixo imposíbel controlar a mancha de gasóleo detectada, que se expandiu bastante.

Segundo informou nun comunicado, tívose coñecemento deste suceso debido á alerta da veciñanza, que chamou aos servizos de emerxencia para advertir de que había un forte cheiro a gasóleo na zona afectada.

En consecuencia, efectivos da Policía Local pontevedresa desprazáronse até os arredores do lugar sinalado e localizaron a vertedura en torno ás 11.40 horas.

Alí estiveron traballando con técnicos da empresa concesionaria do servizo de augas, Viaqua. Tamén comunicaron o acontecido ao servizo de control de verteduras de Augas da Galiza, organismo dependente da Xunta.

"Tentouse minimizar a mancha", comentaron fontes municipais, para aclarar: "Resultou imposíbel polas condicións meteorolóxicas".

A hipótese da limpeza dunha caldeira

En calquera caso, mantívose o seguimento da mancha de gasóleo no Lérez durante toda a xornada, comprobando que chegaba desde a ponte de Santiago á da Barca.

Así mesmo, aclarouse que o departamento municipal do Ciclo da Auga investigou a orixe da vertedura á rede de augas pluviais, sen dar co ela. En consecuencia, pénsase que a vertedura foi froito da limpeza dalgunha caldeira.