Detectan máis de 40 positivos por coronavirus no estaleiro Freire

Vista aérea do astaleiro vigués. (Foto: Freire)
Fontes sindicais confirman que outras 30 persoas agardan polos resultados das probas. A maior parte dos contaxios déronse, segundo engaden, nas empresas auxiliares da factoría viguesa.

O aumento dos contaxios por coronavirus na Galiza están a revelar non só casos illados senón focos de maior ou menos importancia. O último en transcender é o detectado nas instalacións do estaleiro Freire, en Vigo.

Fontes sindicais comunicaron esta cuarta feira que polo menos corenta traballadores e traballadoras deron positivo nas probas da Covid-19. A maioría deles forman parte dos cadros de persoal das empresas auxiliares que prestan servizo na factoría naval.

Ademais, hai outras 30 persoas que aínda agardan polos resultados dos exames que se lles practicaron após ser detectado o gromo.

En concreto, as mesmas fontes comentaron que a maioría dos casos xa confirmados son de operarios que traballan no proxecto 724, un gran iate de 111 metros de eslora.

Tanto os contaxiados como os seus contactos estreitos no ámbito laboral, que están pendentes dos resultados das probas, foron illados. Ademais, están a practicarse máis cribados en busca doutros posibles casos.

Desde o punto de vista dos sindicatos manter os protocolos de prevención e seguridade nas bancadas da fábrica "é complicado", pois a maior parte das actuacións en curso son no interior da embarcación.

"É como unha burbulla sen ventilación", explicaron, e confirmaron que a empresa ten en vigor protocolos e normas de prevención, que agora se reforzarán, incluíndo a realización de probas PCR para poder acceder a traballar ao estaleiro para partir da próxima segunda feira.

Na Comisión de Industria do Parlamento, o deputado socialista Martín Seco quixo mostrar o seu apoio ás e aos empregados do estaleiro.