Detectan na Galiza cinco novos casos de gripe aviaria en mascatos

Exemplar de mascato común. (Foto: Europa Press)
Hai unha semana detectáronse os dous primeiros casos.

A Consellaría de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de cinco novos casos de gripe aviaria en mascatos, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete. Estes cinco casos súmanse a outros dous detectados en días pasados.

Segundo informou a Xunta, trátase de cinco individuos de mascato común ou atlántico recollidos en Ares, Ferrol, A Coruña, Mañón e Moaña, no marco do Plan de vixilancia da influencia aviaria que desenvolve a administración galega.

Nos catro primeiros casos, as aves foron trasladadas aos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros, mentres que a localizada en Moaña foi derivada ao centro de Carballedo. Os cinco exemplares tiveron que ser sacrificados.

Nun comunicado, O Goberno galego explicou que o mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varias miles de parellas, e da que moitos exemplares novos migran cara ao sur e alcanzan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Por iso, engadiu, nestes momentos estas aves atravesan as costas da Galiza no comezo do seu paso migratorio para invernar cara a Mauritania e o Golfo de Guinea.

Aumento de casos

Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias notificaron nas últimas semanas numerosos casos de gripe aviaria nesta especie, posíbel orixe dos casos detectados agora na Galiza, relacionados coa migración anual destas aves cara ao sur.

Por iso, aínda que as autoridades aseguran que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellaría de Medio Rural lembrou a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares.

Así, insiste en evitar o contacto con aves silvestres e intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres. Neste caso, sinala a necesidade de notificar a sospeita aos servizos veterinarios oficiais de Medio Rural ou á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.