Detectan seis casos nun centro de Correos de Compostela

O gromo detectouse no centro de tratamento automatizado de Correos en Lavacolla.
Seis membros do persoal do centro de tratamento automatizado de Correos en Lavacolla, Compostela, veñen de dar positivo en coronavirus. 

A área sanitaria de Santiago e O Barbanza informa de que catro profesionais de enfermaría se desprazaron esta cuarta feira ao centro de traballo para realizar probas a 86 traballadores e traballadoras, despois de detectarse os contaxios no cadro de persoal.

Desde Correos informan de que o centro presta o servizo "con normalidade" e todas as actividades "desenvólvense seguindo as instrucións de seguridade marcadas polas autoridades para preservar a saúde do persoal e a cidadanía".

Segundo trasladou onte nun comunicado, a aparición deste foco activou o protocolo estabelecido, polo que se procedeu á desinfección das dependencias, e garantiu que "todos os profesionais da compañía dispoñen do material de protección necesario para levar a cabo o seu labor con seguridade e contan con información sobre os protocolos" en función de cada posto.

Previamente, o sindicato CXT alertara da situación "alarmante" neste centro, que distribúe correspondencia e paquetería para todo o noroeste peninsular.

Para contelo, reclamoua realización "urxente" de probas PCR a todo o persoal, argumentando que Correos coñecía o primeiro positivo desde o pasado día 20 sen indicar "ningún tipo de illamento preventivo".

Así mesmo, a central pide medicións de temperatura ao conxunto do persoal, que haxa unha detección de todos os contactos sospeitosos e que se respecten os dous metros de separación interpersoal, cunha medida que, denuncia "non se está cumprindo".